10 septiembre, 2024
O entorno do santuario da Saleta de Siador xa conta con novas luminarias, unha dotación que chega grazas ao convenio de colaboración entre o Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas.
Os traballos de instalación comezaron en días pasados e rematarán esta mesma semana, coincidindo co comezo da novena á Virxe da Saleta, que terá o seu día grande o vindeiro xoves 19.A alcaldesa, Paula Fernández, visitou este luns 9 de setembro os traballos xunto coa tenente de alcaldesa, Mónica González, e o párroco da localidade, Amador Marugán.
Ademais das novas farolas xunto ao templo, tamén se colocarán puntos de luz preto dos pendellos tradicionais e o cruceiro do recinto.
Estas melloras na iluminación de conxuntos histórico-relixiosos chegan a través do convenio ca fundación creada por D. Roberto Rivas, filántropo e gran benefactor desta parroquia silledense, falecido en marzo de 2023. Tamén está previsto realizar melloras deste tipo noutros puntos do municipio.
O santuario de Siador foi o primeiro en España con advocación na honra da virxe da Saleta, fundado no ano 1863.
Dende o Concello de Silleda a alcaldesa, Paula Fernández, agradece o apoio da Fundación Roberto Rivas, que ademais desta iniciativa, tamén establece medidas vinculadas á promoción do emprego e o impulso de proxectos innovadores que axuden á consecución da Axenda 2030 ou á dinamización do Viveiro de Empresas do Polígono Área 33.