9 junio, 2024
O Concello de Boqueixón inaugurou este domingo o ciclo «Un mes e Pico» cunha visita xeolóxica gratuíta ao Monte Ilicino. Guiados por especialistas de Geotur Galicia, dúas ducias de persoas percorreron a contorna do Pico Sacro para coñecer a orixe, evolución e elementos máis característicos da complexa historia xeolóxica e xeográfica deste monte.
Durante a visita, estiveron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e polo concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local, José Luís Mareque Simón. Esta iniciativa marca o inicio da sexta edición do ciclo «Un mes e Pico», dedicado este ano á xeoloxía e á astronomía.
As actividades continuarán este venres 14 de xuño coa conferencia «O Pico Sacro visto con ollos xeolóxicos», impartida por Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo e director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido como Xeoparque Mundial da Unesco. A conferencia terá lugar ás 19:00 horas na Capela de San Sebastián.
Francisco Canosa será tamén o guía da segunda visita ao Pico Sacro, «Un paseo xeolóxico pola contorna do Pico Sacro», programada para o sábado 15 de xuño ás 17:00 horas. O punto de encontro será o aparcadoiro do Pico Sacro.
O domingo 16 de xuño, ás 13:00 horas, celebrarase a Cerimonia do Lume Sagrado, unha celebración celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito. Esta cerimonia recuperará simbolicamente a tradición dos nosos devanceiros na festa do solsticio de verán mediante a obtención do lume sagrado directamente do Sol, lume que será custodiado ata o día de San Xoán. O acto contará coa colaboración da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada) e coa actuación do grupo de música tradicional Son de Gaita. Ademais, quen desexe recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras na noite de San Xoán, poderá facelo levando unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.
Finalmente, o venres 21 de xuño, ás 23:00 horas, celebrarase «A noite de solsticio dende a tumba do dragón», unha observación astronómica a cargo de Jorge Mira. Esta iniciativa aproveitará a noite máis curta do ano, pois só dura oito horas e media á latitude de Boqueixón, das que só catro horas son de noite pechada. Esta noite sempre foi considerada máxica pola humanidade, e así se fará nesta observación astronómica no Pico Sacro. O punto de encontro será novamente o aparcadoiro do Monte Ilicino.
Todas as actividades do ciclo son de participación totalmente gratuíta, aínda que o número de prazas é limitado. Polo tanto, será precisa inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.