2 diciembre, 2025
O Concello de Dodro vén de presentar unha ampla e diversa programación de Nadal na que as familias e, de maneira especial, os cativos serán os grandes protagonistas. Durante todo o mes de decembro, teatro de papel, música, baile, historias de inverno e propostas cheas de humor animarán as datas máis festivas do ano.
A apertura oficial da programación será o 13 de decembro, coa entrega do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, unha das citas culturais máis destacadas do municipio. O acto, que terá lugar no CPI de Dodro ás 17.30 horas, contará coa actuación de Minguante, que presentará o seu espectáculo “Minguante canta poesía galega”, unha proposta que combina creación musical e versos da literatura galega.
A programación continuará o 19 de decembro cunha das actividades máis singulares desta edición: o “Kamishibai de Nadal”, a cargo de Juan Juste, ilustrador, guionista e un referente galego na técnica do teatro de papel e na narración Kamishibai. A súa actuación, centrada en contos e lendas tradicionais de Nadal, desenvolverase na Casa da Cultura ás 17.30 horas e promete mergullar ao público nun universo onírico construído a través da forza das imaxes.
Como antesala da Noiteboa, o 23 de decembro será a quenda da Algueirada de Nadal, unha festa familiar que xira arredor da historia de Xurxo, un rapaz que non sabe bailar e que terá que enfrontarse a unha aventura tan cómica como entrañable. Baile, humor e acrobacias mestúranse nun espectáculo pensado para todas as idades. A cita será no pavillón polideportivo ás 17.30 horas.
O broche final ás celebracións porano o 30 de decembro coa representación “Nadal en Laponia”, da compañía Teatro Calavera. As elfas Leila e Laila chegarán a Dodro para organizar unha gran festa de Nadal chea de música, contos, xogos e diversión. Porén, non todo sairá segundo o previsto: no medio da celebración, Leila perderá ao seu inseparable amigo Larry, un boneco de neve, desencadeando unha historia repleta de humor e tenrura. O espectáculo terá lugar no pavillón de deportes ás 17.30 horas.
Ademais, como é tradición, o Concello de Dodro iluminará todas as aldeas, levando a luz e o espírito festivo a cada recuncho do municipio, para que toda a veciñanza sinta preto a maxia destas datas.


