30 octubre, 2024
Con motivo da XLIII Carreira Internacional “A Clásica” de Negreira, este domingo día 3 de novembro, o Concello informa á cidadanía e visitantes, dos cortes e restricións pola celebración deste importante evento de trascendencia fóra de Galicia, así como as zonas onde queda prohibido estacionar dende a tarde do sábado 2 de novembro.
A principal recomendación é non intentar acceder con coches ao centro urbano o domingo, a partir das 09:30 horas. Se o fan, eviten as zonas afectadas para non sufrir longas esperas. Para os residentes no centro de Negreira, a recomendación é non usar o coche e se precisan desprazarse por traballo e outras razóns, fágano antes das 09:30 horas.
A qué horas?
O circuito homologado de 5.000 metros para as carreiras de adultos 5K e 10K permanecerá pechado ao tráfico entre as 10:00 e as 13:00 horas.
Zonas afectadas
Con saída da rúa de Castelao –zona Centro de Saúde-, continúa polo instituto Xulián Magariños, rúa Teresa Fabeiro, parte alta da rúa Rosalía de Castro, avenida das Brañas, estrada AC-444, rotonda de Seilán –só un carril-, Pedra Mámoa, Ponte de Covas, parque empresarial, avenida de Barcala, rúa da Cachurra, rúa do Carme e chegada de novo a rúa de Castelao.
Rúas cortadas
Totalmente cortadas: rúa do Carme, rúa de Castelao e maila contorna do instituto Xulián Magariños, dende primeira hora do domingo.
Prohibido aparcar
Dende a tarde do sábado día 2 de novembro non se pode estacionar na rúa de Castelao, a rúa do Carme, e maila marxe esquerda da rúa da Cachurra e a contorna do IES Xulián Magariños.
Entradas a Negreira
Estarán afectadas polas carreiras 5K e 10K, a partir das 09:45 horas, a entrada dende A Baña e a Variante –rotonda de Ceilán-, a través da avenida das Brañas, e maila avenida de Barcala dende a intersección do parque empresarial de Covas.
Zonas libres
Totalmente libres ao tráfico permanecerán as entradas polas estradas provinciais do Marco do Cornado, Ponte Nafonso e Urdilde –zona do Campo da Feira-, e maila avenida de Santiago. Neste caso, estará prohibido o xiro á dereita de subida pola rúa Fonte do Carme, desde a rotonda da fonte, polo que recoméndase aos condutores non intentar acceder ao centro urbano por esa zona durante a mañá do domingo.