31 octubre, 2024
Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da segunda edición do partido de fútbol solidario para recadar fondos para o programa Vacacións en Paz. Deste xeito, a contía recadada a través da venda de entradas para o partido Bertamiráns FC – Bastavales UD, que se disputará o domingo 10 de novembro, será doada a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. Os fondos servirán para tratar de paliar os efectos das graves inundacións nos campamentos de refuxiados saharauís. O custe das entradas será de 5 euros, e poderán adquirirse o día do partido na taquilla do campo. Ademais, venderanse rifas e haberá un stand informativo de SOGAPS durante a fin de semana na área deportiva de Bertamiráns.
Susana Señorís, concelleira de Deportes; Uxía García, concelleira de Benestar Social; Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS, e Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, foron as persoas encargadas de presentar esta nova iniciativa que ten o obxectivo de recadar fondos para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas nos campamentos de refuxiados saharauís. No acto tamén estivo presente María Brea, en representación das familias acolledoras do programa Vacacións en Paz.
O partido de fútbol que se disputará o domingo 10 de novembro, ás 17:00 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD terá un claro compoñente solidario: os fondos que se consigan servirán para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas, que derrubaron numerosas infraestruturas, tanto de vivendas particulares como de asistencia á comunidade, e provocaron a evacuación de máis de 600 familias. Ademais, tamén foron destruídos centros educativos e médicos, polo que practicamente todo o material quedou inutilizable.
Neste contexto, a Media Lúa Vermella Saharauí e o Ministerio de Cooperación da RASD solicitan axuda urxente para proporcionar toda a asistencia humanitaria posible para cubrir as necesidades máis apremiantes: rehabilitación de infraestruturas, distribución de víveres básicos e produtos de primeira necesidade, subministración de medicamentos e saneamento dos espazos.
Presentación do partido solidario
Susana Señorís explicou que “a vindeira fin de semana imos ter un partido no que se van enfrontar o Bertamiráns e o Bastavales. Neste caso vai ser un pouco máis especial, porque todo o recadado irá destinado a SOGAPS, para que poida seguir ofrecendo a súa axuda nos campamentos saharauís. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre colabora cando é máis necesario”. Así mesmo, quixo agradecer “unha vez máis que os clubes deportivos do concello se sumen a estas iniciativas, e a Budiño, coma sempre, pola súa boa disposición”.
A concelleira de Deportes tamén convidou “a todos os veciños e veciñas de Ames, así como á xente da contorna a que se acheguen a ver este partido de fútbol e colaborar con esta causa. A entrada son cinco euros, un prezo asequible para todos podamos aportar o noso gran de area”.
Uxía García, concelleira de Benestar Social, sinalou que “a de SOGAPS é unha causa solidaria coa que levamos moito tempo traballando no concello a través de distintas iniciativas, e nesta ocasión non podía ser menos”. Así mesmo, destacou que “é unha mínima aportación para unha tarde divertida, polo que animo a toda a veciñanza a encher o campo o domingo 10 de novembro”.
A representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, dixo “en nome de SOGAPS estamos encantados de volver estar na nosa casa, no Concello de Ames, e poder realizar esta iniciativa marabillosa. Foi chamar á porta do Bertamiráns, e, ao igual que no Concello sempre se nos abren as portas, no Bertamiráns tamén. Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como vai ser o do domingo. Por iso desde SOGAPS estamos enormemente agradecidos de que poidan colaborar con esta achega solidaria con nós”.
Pola súa banda, María Brea, que acudiu en representación das familias acolledoras do programa Vacacións en Paz tamén explicou que non só se trata das entradas. “A iniciativa pasa porque xa dende o sábado estaremos vendendo rifas para o sorteo dunha cesta de froita e, grazas á achega do restaurante Milongas, dunha cea. Ademais, tanto o sábado como o domingo durante todo o día colocaremos un stand solidario para dar información sobre o programa de acollemento e a asociación”.