11 julio, 2025
O Concello de Brión acolle desde esta mañá un dos Encontros coa Arte máis emotivos da súa historia, dedicado a lembrar a Xosé Vizoso, prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista. Un total de 25 artistas de diferentes lugares do territorio nacional participaron na inauguración da exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá aberta ao público no centro social polivalente de Brión ata o 30 de setembro.
O alcalde, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, foron os encargados de inaugurar esta mostra homenaxe que conmemora o Día da Ilustración 2025. A exposición reúne oito paneis informativos e 28 carteis enmarcados con obras de Vizoso, un recoñecemento á súa traxectoria artística e á súa contribución á cultura galega.
Durante a apertura, Pablo Lago destacou que este é “posiblemente o Encontro coa Arte máis emotivo dos seus dezaoito anos de historia”, non só pola relevancia do artista homenaxeado, senón tamén pola perda recente e a relación persoal que moitos gardan con Vizoso. En palabras do rexedor, esta cita lembra tamén a dous integrantes do Encontro, José Galarzo e María Carmen Martínez, afectados directamente pola traxedia da Dina en Valencia o ano pasado, que esta mesma mañá participaron nun obradoiro de acuarela e modelado coa veciñanza local. Galarzo mostrou a súa gratitude pola axuda recibida, nun momento especialmente difícil.
Un momento especialmente emotivo produciuse cando o técnico de Cultura, Alberto Álvarez, anunciou a ausencia do comisario do evento, Xosé Vázquez Castro, tamén amigo de Vizoso, por motivos de saúde. Álvarez lembrou a estreita amizade entre ambos, coñecidos como “Zipi e Zape” entre os seus amigos. O acto concluíu coa proxección dun vídeo conmemorativo do Día da Ilustración dedicado a Vizoso, acompañado dunha selección de imaxes dos distintos Encontros coa Arte nos que participou, unhas instantáneas que conmoveron profundamente aos asistentes.
A programación continúa mañá, sábado 12 de xullo, coa realización de dúas sesións de pintura ao natural en Porto do Son, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 horas. Á noite, a partir das 21:00 horas, celebrarase no centro social polivalente unha homenaxe a Xosé Vizoso, presentada por Siro López e cun espectáculo musical do grupo Os Quinquilláns, que representará “Cousas de Castelao”, cunha escenografía deseñada polo propio Vizoso. O acto está aberto a toda a veciñanza con entrada libre e gratuita ata completar aforo.
O XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso pecharase o domingo 13 de xullo cunha última sesión de pintura ao natural no Paseo do Río Pego, de 10:00 a 14:30 horas.
Os 25 artistas que forman parte desta edición son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Fernando Yáñez, Isabel Pintado, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba e Veiras Manteiga.
Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, o certame amesán reafirma a súa vocación internacional a través de tres eixos: a súa selección oficial de curtametraxes chegadas de 21 países, un xurado composto por profesionais de varios países e a participación como festival convidado de Curtinhas, a sección infantil do prestixioso Curtas Vila do Conde (Portugal)