7 junio, 2024
Operarios da empresa Mondo comezaron esta mañá os traballos de renovación do céspede artificial do campo Manuel Jiménez, unha actuación na que o Concello de Vilagarcía inviste 269.000 euros de fondos propios. O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, desprazáronse esta mañá ata as instalacións deportivas para inspeccionar os traballos que permitirán ao campo contar cun tepe de última xeración e homologado para a celebración de competicións oficiais de fútbol e rugby.
Tal e como se acordara cos clubs usuarios do campo, os traballos inícianse xusto cando vén de rematar a temporada deportiva, de xeito que non interferiron no calendario de partidos. Ademais, cun prazo de execución de tan só 8 semanas, o Manuel Jiménez estará en perfectas condicións e disporá de nova herba a finais de xullo ou principios de agosto, a tempo para o inicio da pretemporada.
O responsable de Mondo Ibérica, a empresa adxudicataria, comentou que os traballos comezan co levantamento do tapiz actual, que se estaba a cortar en láminas. A retirada realizarase separando o material de recheo do tepe, de xeito que o primeiro poderá reutilizarse no novo céspede. Tamén con criterios de sustentabilidade se tratará a herba artificial vella, aproveitando as láminas en mellor estado para cubrir zonas de paso, espazos verdes ou patios infantís do municipio.
A actuación completarase coa nivelación do terreo, preparación da superficie e a posterior instalación do novo céspede, material de última xeración e cunha vida útil de entre 10 e 13 anos, segundo indicou o responsable da adxudicataria.
A seguinte, en Berdón
O alcalde lembrou que tamén en verán se executará a renovación da herba sintética do campo de Berdón -obra en proceso de licitación-, destacando o importante esforzo realizado polo seu goberno nos últimos anos para mellorar as instalacións deportivas municipais. “Con estas dúas últimas, neste tempo temos renovado o céspede dos cinco campos municipais de herba artificial. E o investimento que levamos realizado en materia de infraestruturas para o deporte non queda aí, porque estamos a piques de rematar a reforma integral do pavillón de Fontecarmoa e xa comezamos co proxecto de ampliación da piscina”.