23 septiembre, 2024
O libro Oídos de espeleóloga, de Ciro Briones, achegouse ao público pobrense na tarde do 20 de setembro, no auditorio da biblioteca municipal Victoriano García Martí (na antiga aula de estudo). Trátase do poemario gañador do XXVI Premio de Poesía Concello de Carral, do que o xurado destacou a viaxe lírica por espazos de desolación e a reflexión metafísica.
Durante o acto de presentación, o autor estivo acompañado polo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Isabel Santos; Ana Fernández Soneira, da UVigo; e Miguel Anxo Fernán Vello, por parte de Espiral Maior.
O rexedor salientou a “gran canteira de escritores presente na nosa localidade” como se constata con este autor. “Xa no mes de abril asistimos á presentación do ensaio Da caverna a acrópole. Un camiño cara a educación crítica, onde unía filosofía e ensinanza para facer fincapé na importancia da construción do pensamento crítico para o desenvolvemento persoal e académico do estudantado. E, agora, aproxímanos á poesía con Oídos de espeleóloga, dun estilo máis persoal como é o propio deste xénero. Pero estas non son as dúas únicas creacións de Ciro, igual que tampouco a única distinción”, indicou. O Premio de Ensaio da Universidade de Vigo ou dous primeiros premios de poesía Xuventude Crea son só algúns dos recoñecementos que suma este pobrense que, segundo augura o mandatario local, “de seguro continuará brindándonos interesantes lecturas.”
Vidal tamén manifestou a vitalidade cultural da que goza A Pobra, “sempre con variadas propostas para tódalas idades e sen esquecer ningunha disciplina. Somos un concello comprometido coa arte, o teatro, a música, a fotografía e, por suposto, a literatura. Non só mediante o fomento da escritura a través, por exemplo, da recente convocatoria do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, senón tamén na divulgación de obras coas numerosas presentacións que aquí se celebran.”
GALERÍA: