Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, o certame amesán reafirma a súa vocación internacional a través de tres eixos: a súa selección oficial de curtametraxes chegadas de 21 países, un xurado composto por profesionais de varios países e a participación como festival convidado de Curtinhas, a sección infantil do prestixioso Curtas Vila do Conde (Portugal)
9 noviembre, 2025
O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo continúa a medrar e a consolidar a súa proxección internacional. A oitava edición, que se celebrará do 13 ao 16 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta unha programación que une cinema de calidade, diversidade cultural e compromiso social. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, o certame amesán reafirma a súa vocación internacional a través de tres eixos: a súa selección oficial de curtametraxes chegadas de 21 países, un xurado composto por profesionais de varios países e a participación como festival convidado de Curtinhas, a sección infantil do prestixioso Curtas Vila do Conde (Portugal).
Curtametraxes chegadas de todo o mundo
A sección oficial de Cinema Miúdo 2025 inclúe nove bloques de curtametraxes, seis dirixidos a público maior de 7 anos (Buxainas) e tres para menores de 7 (Axóuxeres), ademais de tres sesións específicas para escolares.
As obras proceden de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca, os Países Baixos ou Estonia, reflectindo a riqueza creativa e cultural do cinema infantil contemporáneo. A programación combina animación, ficción e documental, abordando temas de fondo humano e social desde a mirada da infancia: a empatía, a paz, a solidariedade, a diversidade e a igualdade.
En coherencia coa temática transversal do festival, destacan tamén as sesións especiais Cinema en Valores, con dous bloques de curtas dedicadas a clásicos en branco e negro e pequenas pezas contemporáneas que exploran a importancia dos dereitos humanos e o poder transformador do cinema.
Xurado internacional
A Selección Oficial de 2025 será valorada por un xurado composto por tres profesionais de ampla traxectoria que traballan no sector audiovisual desde diferentes oficios.
● Amaia Mauleón (Galicia, España)
Xornalista especializada en cultura e temas sociais, con ampla experiencia en Faro de Vigo e colaboradora en proxectos que visibilizan referentes femininos. É responsable da Vigo Film Office e autora de tres libros infantís sobre a cidade de Vigo. Gañou o Premio Tiflos de Xornalismo da ONCE pola súa reportaxe La luz de Alba sobre o proceso educativo dunha nena cega.
● Oskar Lehemaa (Estonia)
Director de imaxe real e animación, coñecido por mesturar xéneros como o terror, a comedia negra e a acción con temáticas socialmente relevantes. As súas obras -como Bad Hair ou The Old Man Movie- proxectáronse en festivais de prestixio como Annecy ou Sundance. A súa filmografía destaca pola creatividade e a capacidade de conectar emocións intensas cun fondo social.
● Sara Naves (Portugal)
Animadora e ilustradora con máis de 15 anos de experiencia, especializada en animación tradicional. Traballou en proxectos internacionais como They Shot the Piano Player (Mariscal e Trueba) e Pontes de Saraievo, presentada en Cannes. A súa curta O estado de alma (2024) acumula xa 17 premios internacionais. É docente na Universidade do Algarve e foi elixida Mellor Profesora polos seus estudantes en 2024.
Curtinhas, festival convidado
Nesta edición, Cinema Miúdo acollerá como festival convidado ao Curtinhas, a sección infantil do festival internacional de cinema Curtas Vila do Conde, un dos eventos cinematográficos máis recoñecidos de Portugal. En anteriores edicións, o festival amesán irmandouse con festivais internacionais como Cinanima, de Espinho, e nacionais, como Gaztefilm, de Euskadi, e o Miprimerfestival, de Catalunya.
O Curtinhas está especialmente concibido para públicos infantís e familiares e inclúe competicións en tres franxas de idade 3, 6 e 9 anos. As curtas gañadoras son elixidas por un xurado composto por dez nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, promovendo así a participación activa da cativada como espectadores críticos e responsables.
En 2025, o Curtinhas celebrouse baixo o lema Uma viagem intergalática, cunha programación que incluíu curtametraxes, a longametraxe Elio e catro obradoiros pedagóxicos. A súa presenza en Ames supón unha ponte cultural entre Galicia e Portugal, dous territorios que comparten trazos culturais.
Venda de entradas
A entrada ás proxeccións e ás galas de inauguración e clausura realizarase mediante abono único, dispoñible na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.