16 octubre, 2025
O centro de interpretación do Pico Sacro, en Cachosenande-Lestedo, acollerá este sábado 18 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, a sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa do Concello de Boqueixón destinada a poñer en valor o monte Ilicino e promover a súa candidatura a Ben de Interese Cultural (BIC). Tras seis edicións centradas en temáticas concretas como cultura Xacobea, relixión, literatura, arqueoloxía, espeleoloxía, xeoloxía ou astronomía, nesta ocasión ofrecerase unha visión interdisciplinar a través das conferencias de cinco prestixiosos investigadores: Antonio César González García, César Parcero Oubiña, David Fernández Abella, Cristina Sánchez-Carretero e Felipe Criado-Boado.
A participación é totalmente gratuita, aínda que o número de prazas é limitado polas dimensións do centro de interpretación, polo que se require inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061 (Departamento de Formación, Emprego e Turismo).
O ciclo comezará ás 10:00 horas co acto de apertura do alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e seguirá cunha serie de conferencias de media hora cada unha. Antonio César González García, doutor en Astrofísica e membro do CSIC, abrirá as intervencións coa charla “O ceo e o Pico Sacro”, na que abordará o monte Ilicino como referente da paisaxe galega, utilizado no pasado como marcador no horizonte para sinalar momentos clave do percorrido do sol e da lúa.
Ás 11:00 horas, César Parcero Oubiña, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), presentará “O Pico Sacro como referente visual na paisaxe”, na que se mostraran simulacións por ordenador que comparan o Pico con outros fitos visuais. Antes da pausa para o café, David Fernández Abella, arqueólogo e licenciado en Historia pola USC, dará conta de “A última vida do Pico Sacro”, presentando os últimos achádegos arqueolóxicos localizados no verán de 2025.
Ás 12:30 horas, a antropóloga e investigadora do CSIC Cristina Sánchez-Carretero impartirá a conferencia “Como podemos coidar do Pico Sacro? Metodoloxías de salvagarda baseadas no acordo social”, centrada nos procesos de protección do Pico Sacro como conxunto simbólico senlleiro de Galicia. Pechará o ciclo Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, coa charla “A resignificación das montañas sagradas”, na que analizará como noutros países se mantén a memoria viva das montañas sacras, mentres que en Europa esta se perdeu na súa maior parte.
O ciclo finalizará cunha quenda de preguntas e debate, permitindo ao público interactuar cos expertos e afondar nos distintos enfoques presentados sobre o valor histórico, cultural e natural do Pico Sacro.