10 noviembre, 2025
O teatro afeccionado volveu encher a Casa da Cultura de Camporrapado. A Asociación Club de Maiores de Boqueixón revalidou este domingo o seu poder de convocatoria con dous pases consecutivos da súa aclamada comedia “Asuntos escuros”, unha obra que está a colleitar grande éxito ao longo deste 2025 e que, unha vez máis, levou ao público a colgar o cartel de completo.
A representación serviu, ademais, para inaugurar unha nova edición do ciclo BocAberta, unha proposta municipal que aposta polo teatro amador como ferramenta cultural, social e de encontro interxeracional. Ao longo das tres vindeiras semanas, o escenario de Camporrapado acollerá diversas compañías de afeccionados da contorna, sempre con entrada libre e de balde. As funcións celebraranse os domingos ás 17:30 horas.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, asistiu á primeira xornada do ciclo e felicitou publicamente o elenco do Club de Maiores polo seu bo facer sobre as táboas. Rodeiro destacou “o enorme valor social e dinamizador do teatro afeccionado” e animou aos asistentes a continuar apoiando esta programación cultural.
O calendario previsto inclúe a obra “Criaturas”, a cargo do grupo municipal de teatro de Ribeira, o 16 de novembro. Para o domingo 23, o público poderá desfrutar de “Oculista da vista” e “Ollo por ollo e gato por lebre”, dúas propostas humorísticas da compañía Licor Café Teatro, procedente de Cabanas. Finalmente, o ciclo pecharase o 30 de novembro con “O latricar de Vedra”, representación do grupo de teatro de maiores do centro social desta localidade veciña.