1 julio, 2024
Xa están en marcha os Xogos do Eixo Atlántico, un evento transfronteirizo único en Europa que se celebra con periodicidade bianual e que ten como obxectivos a promoción do deporte, a convivencia entre a mocidade e tamén un mellor coñecemento entre cidadáns das dúas rexións. Nesta edición, que se celebra do 30 de xuño ao 5 de xullo nas cidades portuguesas de Braga e Vila Nova de Famaliçao, Carballo conta coa delegación máis numerosa da historia, xa que acudimos cun total de 63 deportistas.
É a delegación carballesa máis participativa e unha ampla representación da realidade deportiva local: fútbol e voleibol femininos e fútbol, baloncesto e balonmán masculinos. Xunto á ampla canteira deportiva, que se artella a través das entidades AD Xiria, Club Baloncesto Artai, Escola Basket Xiria, Escolas Balonmán Xiria e Bergantiños FC, viaxaron a Portugal 5 adestradores e 5 delegados. Á fronte da expedición estará o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca, que tamén é membro do comité de competición dos Xogos e do secretariado executivo de deportes do Eixo Atlántico en representación do Concello de Carballo.
A expedición partiu de Carballo o domingo pola mañá. O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, despediu aos participantes e desexoulles moita sorte na súa participación nestes Xogos do Eixo Atlántico, que poden seguirse nesta ligazón: https://www.famalicaodesportivo.pt/_xv_jogos_do_eixo_atlantico
Nesta 15ª edición dos Xogos do Eixo Atlántico participan 168 equipos, que agrupan a un total de 2.378 deportistas dos concellos galegos e portugueses integrados na asociación transfronteiriza. A organización dos xogos é competencia e responsabilidade do Eixo Atlántico e nesta edición, dos municipios de Braga e Vila Nova de Famaliçao, onde se desenvolven. O Concello de Carballo vén participando en todas as edicións desde o ano 2009.