28 noviembre, 2025
O Concello de Brión inicia un ambicioso proxecto de modernización do seu alumeado público tras a sinatura dun convenio entre o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e o secretario de Estado de Enerxía e presidente do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Joan Groizard Payeras. A través deste acordo, o municipio recibirá unha achega de 2.770.900 euros do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, aprobado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) dentro do programa de proxectos singulares para a renovación de instalacións de alumeado exterior municipal.
“É un día moi importante para min e para Brión”, subliña Pablo Lago, quen destaca que o proxecto suporá “unha das maiores inversións da historia do noso concello e permitirá a mellora e modernización integral do alumeado público municipal”. A actuación abranguerá 3.145 puntos de luz, con 4.200 horas anuais de funcionamento e unha potencia media de 110,72 vatios, que serán substituídos por luminarias LED máis eficientes. Ademais, revisarase un total de 118 centros de mando e instalaranse 30 reloxos astronómicos, 20 reloxos mecánicos de patillas e 94 fotocélulas, garantindo un aforro enerxético superior ao 62%.
O alcalde adianta que a Xunta de Goberno Local xa adxudicou a obra á empresa ACEINSA Movilidad SA, cun prazo de execución de oito meses, polo que os traballos comezarán en breve. “Grazas a esta histórica actuación, Brión dará un salto cara un concello máis sostible e eficiente, con menos emisións, mellor funcionamento do sistema e un servizo máis completo para os veciños e veciñas”, engade Lago Sanmartín.
Actualmente, o alumeado público de Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de 1.462.563,9 kW/h e un custo anual de 212.364,28 euros. Unha vez completado o proxecto, a potencia reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo baixará a 551.525,63 kW/h e a factura eléctrica do Concello descenderá a 80.081,52 euros, supoñendo un aforro superior a 132.000 euros ao ano.
Este aforro conséguese non só pola menor potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, senón tamén pola optimización do fluxo lumínico, que se reducirá durante a noite e se dirixirá exclusivamente onde é necesario, diminuíndo á vez a contaminación lumínica. De feito, a emisión de luz ao hemisferio superior pasará do 15% actual a menos do 5%, e a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés ascenderá a nivel A.