4 noviembre, 2025
O Concello de Brión botou a andar esta mañá a programación especial arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun obradoiro de autocoidado baixo o título “O descanso da guerreira”. A actividade, celebrada no centro social polivalente, supón o inicio dunha ampla oferta de propostas de carácter gratuíto que incluirán tamén relatorios, teatro profesional e unha andaina participativa.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero, subliñou que este ano o programa persegue dous obxectivos fundamentais: “difundir información sobre os recursos legais, psicolóxicos e económicos dispoñibles fronte ás distintas formas de violencia machista” e, ao mesmo tempo, “poñer o foco na reparación e no encontro entre mulleres de todas as idades”.
Coa primeira das cinco sesións de “O descanso da guerreira”, dirixidas pola terapeuta e bailarina Martha Franco, abriuse un espazo de autocoñecemento e benestar no que as participantes explorarán técnicas de automasaxe, respiración, movemento, estiramentos, nutrición e xestión emocional. As sesións desenvolveranse os próximos catro martes, en horario de 11:00 a 12:30 horas. A participación é de balde e aínda é posible inscribirse chamando ao 981 509 910 ou a través do correo sabela.losada@concellodebrion.gal.
A programación continuará o sábado 8 de novembro cunha andaina de 5 quilómetros pensada para todos os públicos. A saída está prevista ás 11:00 horas desde o centro social polivalente. As inscricións poden formalizarse tanto por teléfono ou correo electrónico, como cubrindo o formulario en liña habilitado polo Concello.
O luns 10 de novembro será a quenda do obradoiro “Teatro para sandar(nos)”, impartido pola actriz Diana Sieira. Desenvolverase de 16:00 a 18:00 horas no mesmo centro social, apostando por técnicas empoderadoras, expresión corporal, xogo simbólico e creación colectiva dirixidas especificamente a mulleres.
A programación intensificarase na semana do 25 de novembro. O venres 21, ás 20:30 horas, representarase a obra “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, baseada na historia dunha muller migrante vítima de trata. Para esta sesión será preciso reservar praza a través da plataforma billeteira.concellodebrion.gal, mantendo o carácter gratuíto.
Xa o luns 24, de 17:00 a 18:30 horas, celebrarase o relatorio “Asesoría xurídica sobre violencia de xénero”, a cargo da avogada Cristina Martínez, quen ofrecerá claves legais, orientación para vítimas e testemuñas e resolverá dúbidas das persoas asistentes.
O propio día 25 terá lugar o acto institucional: ás 12:00 horas, a praza do Concello acollerá a lectura do manifesto contra a violencia de xénero, acompañada dunha intervención artística do grupo Teatro das Maniotas, do IES de Brión. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao centro social polivalente.
Finalmente, o luns 1 de decembro celebrarase o relatorio “Asesoría sobre a violencia sexual”, impartido pola psicóloga Lara Fuentes, de 18:00 a 19:30 horas no centro social. A sesión ofrecerá orientación para casos de violencia sexual tanto dende o punto de vista das vítimas como das persoas que poidan actuar como testemuñas.