25 noviembre, 2025
O Concello de Brión sumouse hoxe á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero cun acto cheo de emoción e creatividade na praza do municipio. O evento central deste 25N foi protagonizado por Teatro das Maniotas, un grupo teatral formado por alumnos e alumnas do IES de Brión, que realizou unha espectacular performance diante das persoas asistentes.
A concelleira de Igualdade, Rosa Romero, encargouse de dar lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero, lembrando a necesidade de seguir avanzando na loita contra toda forma de agresión e discriminación por razón de xénero. A continuación, o grupo teatral presentou unha coreografía que combinaba forza e delicadeza: todos vestidos de negro, só os panos violetas co lema “Brión a prol do bo trato” destacaban ao redor dos seus pescozos, simbolizando o compromiso colectivo coa prevención da violencia machista. O público respondeu con intensos aplausos, recoñecendo o valor artístico e reivindicativo da actuación.
Continúa a programación especial
A conmemoración do 25N en Brión prolongarase ao longo da próxima semana cunha programación de actividades centradas na prevención e no empoderamento feminino. Mañá, martes 26 de novembro, terá lugar un obradoiro de autodefensa feminista, dentro da campaña “Brión a prol do bo trato”, destinada a dotar ás participantes de ferramentas prácticas para protexer a súa seguridade e confianza persoal.
O luns 1 de decembro está previsto o relatorio “Asesoría sobre a violencia sexual”, que impartirá a psicóloga Lara Fuentes no centro social polivalente, de 18:00 a 19:30 horas. Nesta charla abordaranse os pasos a seguir no caso de ser vítimas ou testemuñas de violencia sexual.
Finalmente, o martes 2 de decembro, ás 11:00 horas, celebrarase a derradeira sesión do obradoiro de autocoidado feminino “O descanso da guerreira”, guiado pola terapeuta e bailarina Martha Franco dende o pasado 4 de novembro. Nas sesións, as mulleres participantes adquiren ferramentas para mellorar o seu benestar e calidade de vida, mediante técnicas de automasaxe, respiración, movemento, estiramentos, nutrición e xestión emocional.
A participación en ambas actividades é totalmente gratuíta, e aínda é posible inscribirse chamando ao teléfono 981 509 910 ou escribindo ao correo sabela.losada@concellodebrion.gal.