27 noviembre, 2025
Brión prepárase para vivir a maxia do Nadal mañá venres coa celebración da súa tradicional Feira de Nadal, un evento que combina artesanía, gastronomía, actividades para todas as idades e festa popular. A cita terá lugar na Praza das Polbeiras de Santa Minia e a súa contorna, cunha programación de acceso libre e gratuíto.
A partir das 16:00 horas abrirá as súas portas a Feira de Artesanía e Gastronomía, que contará con arredor dunha quincena de postos nos que se poderán atopar produtos artesanais, da horta, doces, embutidos e outras especialidades locais. Ao mesmo tempo, desenvolveranse diversos obradoiros, pensados tanto para nenos e nenas como para persoas adultas, entre os que destacan decoración de Nadal, elaboración de sobremesas e gastronomía navideña, creación de pousavasos e un especial Apalpador Móbil.
O punto culminante da xornada chegará ás 18:30 horas co acendido do alumeado de Nadal, un momento que estará presidido polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e no que participará un neno ou nena da festa elixido por sorteo. Tras o acendido, dará comezo un magosto popular acompañado de foliada e música tradicional en directo, co que se pretende animar a veciñanza e compartir o espírito festivo da tempada. Durante a celebración, ofrecerase degustación gratuíta de castañas, chocolate con churros e bebida para todos os asistentes.