26 septiembre, 2024
A comunidade enerxética local de Rois botou a andar este martes, 24 de setembro, cunha reunión informativa sobre os beneficios que pode supoñer para a veciñanza tomar parte da asociación para consumir enerxías renovables de quilómetro cero. A partir da vindeira semana, as persoas interesadas poderán solicitar o ingreso nesta entidade sen ánimo de lucro, liderada polo Concello.
Unha trintena de persoas escoitaron as explicacións ofrecidas por Daniel Ferreirós, de Losa Abogados; e por Susana Rodríguez e Laura Llanos, de Sertogal Ingeniería. A comunidade enerxética local de Rois está constituída como entidade sen ánimo de lucro e xa solicitou a inscrición no rexistro de asociacións. Segundo informou o avogado Daniel Ferreirós, a partir de outubro as veciñas e veciños de Rois poderán solicitar nas oficinas municipais o formulario para asociarse e consultar os estatutos. Poden formar parte da comunidade enerxética persoas físicas, pequenas e medianas empresas e o propio Concello.
O obxectivo é buscar a autosuficiencia enerxética e promover a sustentabilidade, xerando enerxía a partir de fontes renovables como as placas solares. Na actualidade, tanto a Unión Europea e do IDAE (Ministerio de Industria) están a priorizar as comunidades enerxéticas sobre os particulares na concesión de subvencións, segundo explicaron as técnicas de Sertogal.
A comunidade enerxética local solicitará subvencións para a instalación de placas fotovoltaicas nos polideportivos de Rois e de Urdilde, por ser estes os equipamentos locais con maior superficie de cuberta. O número de paneis solares a instalar variará en función dos quilovatios solicitados por cada persoa ou entidade asociada.
Na reunión celebrada o martes no edificio multiúsos, Susana Rodríguez e Laura Llanos explicaron que se unha persoa merca 2 kW desa instalación, recibirá un desconto equivalente en cada factura da luz. As técnicas engadiron que a súa empresa fará un estudo pormenorizado das facturas de cada persoa ou entidade asociada para recomendarlle o número de quilovatios que necesitan mercar en función do seu consumo, para obter un maior desconto.
Doutra banda, aquelas persoas que residan a menos de dous quilómetros das instalacións fotovoltaicas estarán exentas do pago das peaxes por transporte e distribución da enerxía dos quilovatios que adquiran, reducindo tamén a factura por este concepto. En función da demanda dos asociados á comunidade enerxética, poderíanse instalar placas noutros edificios públicos a maiores dos pavillóns polideportivos, para ampliar as persoas beneficiarias deste aforro por peaxes.
Un caso real exposto polas técnicas de Sertogal, foi o dun particular doutra comunidade enerxética galega que, cunha potencia contratada de 3,5 kW, chegou a aforrar preto de 500 euros ao ano na factura da luz.
A estimación de Rodríguez e Llanos do custe de adquisición dun quilovatio nunha comunidade enerxética como a de Rois oscile entre 800 e 1000 euros, que se aboan nun pago único. O investimento inicial adoita amortizarse nun prazo de catro anos, informaron.
Asociarse á comunidade enerxética local é gratuíto. Segundo explicaron os tres especialistas, no momento de executar o proxecto é cando cada asociado decide se quere ou non mercar quilovatios e que cantidade desexa, despois de recibir o asesoramento personalizado.
A comunidade enerxética local de Rois foi constituída polo Concello e dous particulares para poder optar a unha importante subvención da Xunta de Galicia que hay que xustificar antes do 30 de setembro.