11 junio, 2025
O Concello de Boqueixón vén de poñer en funcionamento a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude, unha infraestrutura clave para mellorar o tratamento das augas residuais nas parroquias de Sergude e Lestedo. Con capacidade para dar servizo a ata 3.000 habitantes equivalentes, a nova EDAR multiplica por tres a capacidade da antiga depuradora de Lestedo, construída en 1991.
A posta en marcha das instalacións contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, e o responsable municipal de Obras, Juan Corral, acompañados de persoal técnico das empresas Espina e Delfín, encargada da xestión do ciclo integral da auga no municipio, e Vázquez y Reino, responsable da construción da nova infraestrutura.
Durante o acto, Rodeiro destacou que «coa recente incorporación das augas residuais de Lestedo, as novas instalacións xa están a pleno rendemento e permitirán dar un salto de calidade na protección do medio ambiente, grazas a unha depuradora moderna e eficiente, deseñada para acadar o mínimo vertido». A EDAR conta con dúas liñas de depuración diferenciadas: unha para a auga e outra para os lodos.
A nova estación dispón dun sistema de pretratamento inicial que separa os residuos sólidos, graxas e areas en tres contedores diferentes. A continuación, realízase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos por hora, e picos de ata 81. En situacións excepcionais de chuvia intensa, o sistema conta cun tanque de tormentas para almacenar o exceso de auga e evitar vertidos directos ao medio.
O sistema biolóxico baséase en lodos activados con aireación prolongada de baixa carga, con dous axitadores para producir osíxeno. Despois prodúcese a decantación secundaria, cunha dobre liña que separa os lodos por gravidade e os conduce a un pozo de bombeo, onde son deshidratados e tratados por un xestor autorizado.
Estas melloras supoñen un salto cualitativo respecto á antiga instalación de Lestedo, que contaba cunha capacidade para só 1.000 habitantes e resultaba insuficiente para a poboación actual das dúas parroquias.
A nova EDAR contou cun orzamento de 1.810.427 euros, financiados maioritariamente pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, que asumiu arredor do 80% do investimento no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, con fondos do Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural).
Pola súa banda, o Concello de Boqueixón contribuíu con máis de 360.000 euros, ademais de facilitar os terreos necesarios para a súa construción e asumir a partir de agora o mantemento e xestión da nova infraestrutura.