8 agosto, 2024
O Concello de Boqueixón iniciou unha campaña de limpeza e desinfección dos 8.000 colectores de residuos orgánicos, envases lixeiros, vidro e papel de todo o municipio. Estes traballos comezaron hoxe na localidade de Lestedo e prolongaranse durante os próximos 15 días.
Os traballos están a ser realizados por profesionais da empresa Ampro Servicios Ambientales, que desprazou a Boqueixón un camión lava-contedores e os medios técnicos necesarios para o lavado e reparación dos mesmos. Unha vez rematada a limpeza dos 8.000 colectores, o Concello iniciará outra campaña de conservación e limpeza de fontes, lavadoiros e marquesiñas das distintas parroquias.
Esta campaña de limpeza e desinfección de colectores de lixo arranca tras finalizar a campaña de roza das pistas municipais, espazos naturais e contornas dos elementos culturais e patrimoniais de Boqueixón, desenvolvida nos dous últimos meses. Nesta campaña participaron seis tractores rozadores, permitindo así ter todas as parroquias rozadas neste mes de agosto.