7 noviembre, 2025
A Casa da Cultura de Camporrapado converterase, durante os próximos catro domingos de novembro, no epicentro do teatro amador da contorna coa celebración dunha nova edición do ciclo BocAberta. A iniciativa, promovida polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Asociación Club de Maiores de Boqueixón e a Rede Cultural da Deputación da Coruña, ofrecerá ao público catro representacións de entrada libre e totalmente gratuíta os días 9, 16, 23 e 30 deste mes, a partir das 17:30 horas.
A estrea correrá a cargo dos propios anfitrións: o grupo de teatro do Club de Maiores de Boqueixón abrirá a programación este domingo 9 coa comedia “Asuntos escuros”, unha peza con toques de misterio que, ademais, servirá para estrenar o novo xogo de luces e o renovado pavimento do auditorio.
O domingo 16 será a quenda do grupo municipal de teatro de Ribeira, que achegará a obra “Criaturas”, unha comedia que invita á reflexión sobre a distancia xeracional entre maiores e pequenos. Xa o 23 de novembro, o público poderá gozar das propostas de Licor Café Teatro, procedentes de Cabanas, que poñerán en escena dúas pezas breves: “Oculista da vista” e “Ollo por ollo e gato por lebre”.
O ciclo pecharase o 30 de novembro con “O latricar de Vedra”, representación do grupo de teatro de maiores do centro social deste municipio, que porá o punto e final a catro semanas de programación escénica pensada para todos os públicos.