4 noviembre, 2025
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha as obras para a construción de dúas novas sendas peonís nas parroquias de Sergude e Lestedo. A actuación, cun investimento total que supera os 435.000 euros, busca mellorar a seguridade, accesibilidade e mobilidade dos veciños nunha zona de tránsito habitual.
No caso de Sergude, a nova senda conectará a igrexa parroquial e as aldeas de Lamas e Deseiro de Abaixo co cruce da estrada nacional N-525. O goberno municipal destaca que a intervención permitirá reducir riscos para os peóns que, ata o de agora, debían transitar por tramos de escasa visibilidade ou sen espazo habilitado para o paso seguro.
Este proxecto enmárcase nun plan máis amplo de mellora da mobilidade no municipio. De feito, está prevista tamén unha futura senda peonil entre Sergude e Rodiño, que será executada pola Xunta de Galicia. A administración autonómica agarda poder licitar esta obra en 2026, cun investimento estimado de case 750.000 euros.
Pola súa banda, na parroquia de Lestedo está xa en marcha a construción dun tramo que partirá do cruce das rúas Mestre Manuel García e Pico Sacro ata o cruceiro da localidade. Cun orzamento duns 35.000 euros, esta primeira fase permitirá habilitar un paso seguro para os peóns que se desprazan desde o centro urbano ata o pavillón polideportivo municipal.
Precisamente, este recinto deportivo está a ser obxecto doutra actuación municipal paralela. O Concello investirá 50.000 euros na mellora da súa eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir o consumo e incrementar o confort dos usuarios.
No mes de xuño de 1982 o Parlamento de Galicia trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989. Na foto, unha sesión no Parlamento. Fotos: AG e PG