14 octubre, 2025
O Concello de Boqueixón rendeu esta mañá unha emotiva homenaxe a Carmen de la Fuente Vázquez, veciña de Lestedo, con motivo do seu centenario. A celebración tivo lugar no salón de Plenos municipal, onde Carmen foi recibida polo alcalde, Ovidio Rodeiro Tato; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis; e o concelleiro de Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.
Durante o acto, o alcalde entregoulle a Carmen o tradicional ramo de flores e, como sorpresa especial, o primeiro exemplar do libro das súas memorias, editado polo Concello a partir dun escrito elaborado durante a pandemia en colaboración co Departamento de Servizos Sociais. Carmen acudiu acompañada do seu neto, quen se mostrou emocionado ante este agasallo.
Carmen de la Fuente naceu en Lestedo o 13 de outubro de 1925, nunha familia de nove irmáns. Ao longo da súa vida traballou de xornaleira e mantivo unha activa participación na vida social da súa parroquia, especialmente na Festa da Filloa de Lestedo. Segundo recorda, “eu fun facer filloas ao campo dende que empezou a festa ata que cumprín 90 anos. Recordo cando se empezou: facíanse nas casas. A véspera repartíase polas casas os ovos e a fariña e, ao día seguinte, o Día da Festa, andaban recolléndoas polas aldeas para levalas á festa”.
Carmen tamén explica a evolución da festa: “anos despois, como había cubertos no campo da festa, empezouse a facelas alí. Despois pasou a facerse no local social. Cando se facían nos cubertos, facíase con faísca, folla de piño e despois con butano. Anos despois chegaron as máquinas”. Para ela, esta celebración é “a mellor festa da comarca”. Ademais, destacou a súa participación durante vinte anos no coro parroquial de Lestedo, demostrando o seu compromiso coa comunidade local.