11 noviembre, 2025
Algo máis de medio cento de veciños e veciñas de Boqueixón participaron na VII Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, celebrada esta fin de semana na Casa da Cultura de Camporrapado. O evento estivo organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, encargouse de clausurar a xornada, destacando a importancia de iniciativas como esta para “avanzar no camiño da non violencia, da igualdade e do respecto á muller”. Ademais, subliñou o papel fundamental do CIM, que o próximo ano cumprirá 20 anos de actividade e que só este ano realizou máis de 300 actuacións en beneficio das mulleres de Boqueixón, Touro e Vedra, ofrecendo atención xurídica, psicolóxica, orientación socio-laboral e información sobre recursos, ademais dunha atención integral e especializada ás vítimas de violencia de xénero.
A xornada comezou coa benvida da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde, e da directora do CIM, Cristina Carbajales. A primeira intervención correu a cargo de Iria Pinheiro, actriz e psicopedagoga, que abordou a temática da violencia obstétrica na súa ponencia “A violencia obstétrica: anatomía dunha serea”, explicando como esta constitúe unha forma máis de discriminación de xénero.
Posteriormente, a actriz Estíbaliz Veiga representou a peza teatral “Golpes”, que narra a historia de Pamela, unha moza vítima de violencia machista, mostrando como esta situación afecta progresivamente a súa personalidade. A xornada completouse coa participación musical de Natalí González, Xosé Silva e Fran Barcia, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio.
Esta actividade marcou o inicio da programación do Concello de Boqueixón con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia contra a Muller. A seguinte iniciativa terá lugar o 20 de novembro, centrada nos nenos e nenas do CRA Boqueixón-Vedra, que asistirán á representación da obra “Daniel e Daniela” de Trémota Teatro, co obxectivo de sensibilizalos sobre a igualdade de xénero.