6 octubre, 2025
Boqueixón organiza, o vindeiro sábado 18 de outubro, a sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que busca poñer en valor o Pico Sacro e ofrecer unha perspectiva interdisciplinar do monte ilicino a través dunha xornada de conferencias no centro de interpretación do Pico Sacro, en Cachosenande (Lestedo, Boqueixón). A actividade terá lugar de 10:00 a 14:00 horas e a participación é gratuíta, aínda que limitada, polo que se require inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
O ciclo chega nun momento clave, xusto cando o Concello de Boqueixón traballa na declaración do Pico Sacro como Ben de Interese Cultural (BIC). Recentemente, celebrouse unha reunión para elaborar de maneira participativa o plan de salvagarda do Monte Ilicino, que formará parte do proceso de incoación do Conxunto Simbólico do Pico Sacro como BIC. Este proceso conta coa participación de diversas asociacións e veciñanza de Boqueixón, así como coa colaboración da investigadora do INCIPIT Cristina Sánchez-Carretero, que tamén intervirá no ciclo.
Programa da xornada
A sétima edición de “Un mes e Pico” será inaugurada ás 10:00 horas polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e dará paso a cinco conferencias de media hora cada unha, seguidas dunha mesa final de debate.
A primeira intervención será de Antonio César González García, doutor en Astrofísica e expresidente da Sociedade Europea de Astronomía, con “O ceo e o Pico Sacro”, na que abordará o Monte Ilicino como referente da paisaxe galega e marcador astronómico histórico.
Ás 11:00 horas, César Parcero Oubiña, investigador do INCIPIT e arqueólogo, falará sobre “O Pico Sacro como referente visual na paisaxe”, acompañando a súa charla con simulacións por ordenador que comparan o Pico Sacro con outros fitos visuais.
Antes da pausa para o café, David Fernández Abella, arqueólogo e licenciado en Historia pola USC, presentará “A última vida do Pico Sacro”, na que se analizarán os últimos achádegos arqueolóxicos do verán de 2025.
Ás 12:30 horas, Cristina Sánchez-Carretero ofrecerá “Como podemos coidar do Pico Sacro? Metodoloxías de salvagarda baseadas no acordo social”, centrada nos procesos de protección e xestión do Pico Sacro como conxunto simbólico.
Finalmente, Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do INCIPIT, pechará a xornada con “A resignificación das montañas sagradas”, unha reflexión sobre como se conserva a memoria das montañas sacras en distintos países, fronte á súa perda case total en Europa. O ciclo rematará cunha quenda de preguntas e debate aberta ao público.