5 septiembre, 2024
O Centro Comercial Aberto (CCA) e Axober unen forzas por primeira vez arredor da organización de dous importantes eventos: o MercaEdillo e Berocasión, que neste 2024 desenvolveranse de forma conxunta na zona do Rego da Balsa do 6 ao 8 de setembro. Nesta ocasión, ambas entidades decidiron camiñar da man para converter a vila no gran centro comercial de Galicia durante toda a fin de semana, á que tamén se sumará a Asociación Galega de Apicultura (AGA) cunha nova edición de Bercamel e, por suposto, a nosa feira tradicional.
Téxtil, calzado, moda infantil, segunda man, xoguetería, alimentación conforman a ampla oferta de produtos que este ano se distribuirán nos 16 stands participantes, situados nunha área de estacionamento de 1.000 metros cadrados de superficie entre as rúas Pontevedra e Ourense, nos que os/as visitantes poderán atopar descontos de ata o 80%.
Pero o mercadillo de verán contará con moitos máis comercios adheridos. Ademais das tradicionais carpas, nesta edición sumaranse preto dunha vintena de establecementos desde os seus locais habituais. Os horarios de apertura serán os seguintes: venres, de 17.00 a 21.00; sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, e domingo, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00.
Esta fin de semana volve tamén a gran feira do vehículo de ocasión de Galicia, con máis de 400 vehículos dispoñibles no Rego da Balsa. A exposición ocupará 10.000 metros cadrados, onde poderás atopar todo tipo de vehículos de ocasión dos seguintes concesionarios: Corgal Automóviles, Dimolk, Antamotor, Vilas Rama, Bercauto, Balsacar, Vehículos Juan Lema, Pensado Motor, Grupo Breogán, JGCAR Automóviles, Finisterre Motor, Garvi e Rebalcars.
A música, a gastronomía e as actividades infantís serán as outras grandes protagonistas desta edición conxunta do MercaEdillo e Berocasión. Este é o plan:
Venres 6
19.00 – 20.30 horas: Cookies show con Break Time. Showcooking gratuíto para que os peques da casa aprendan a elaborar a súa propia galleta. Aforo limitado! Zona MercaEdillo.
Sábado 7 e domingo 8
Os presidentes do CCA e Axober, Carlos Cousillas e Diego Iglesias, respectivamente, presentaron os eventos desta fin de semana acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que destacaron a importancia da colaboración entre ámbalas dúas entidades para «mellorar a cantidade e a calidade da oferta». Pero, por se fose pouco, este domingo, coincidindo coa nosa feira tradicional, tamén se celebra Bercamel, a feira do mel organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), que tamén conta coa colaboración do Concello de Carballo a través da área de Feiras e Mercados.