16 octubre, 2025
O Concello de Ribeira continúa a súa aposta por mellorar as infraestruturas viarias da parroquia de Carreira coa renovación do firme do camiño que conecta os lugares de Vixán e O Vilar. A actuación enmárcase no Plan de Obras e Servizos (POS+2024) da Deputación da Coruña e supón un investimento superior aos 90.000 euros.
Os traballos, que se estenden ao longo de 5.300 metros cadrados, consisten no fresado do material existente e na posterior aplicación de aglomerado asfáltico de 6 centímetros de espesor. Ademais, amplíase o ancho do treito nas zonas onde a configuración do terreo o permite, adaptándose ás necesidades de seguridade e comodidade. Paralelamente, actualizaranse as tapas de rexistro á nova rasante, arranxaranse as gabias e acondicionaranse as entradas a fincas para facilitar o acceso.
A intervención comezou a finais de agosto, polo que o camiño principal xa está prácticamente finalizado, pendentes só dos ramais situados no núcleo do Vilar. Está previsto que todas as tarefas conclúan nas vindeiras semanas, garantindo un acceso máis cómodo e seguro para os veciños.
O proxecto foi adxudicado á empresa Nemesio Ordóñez, S.A., por un importe de 90.291,14 euros, IVE incluído.