18 noviembre, 2025
Coa presencia do Alcalde de Vedra, a Deputada Provincial, Natividade González e o arqueólogo Víctor Garcia, o pasado sábado día 15 se presentaron en Ponte Ulla os primeiros resultados do proxecto Iohanes in Eremo, un proxecto de investigación financiado pola Deputación de A Coruña, que conta co apoio do concello de Vedra, a asociación Raiceiros e Terras de Compostela.
Este proxecto, que foi presentado tamén en Ponte Ulla o pasado 24 de outubro, pretende recuperar a memoria e localizar os restos do mosteiro altomedieval de San Xoán da Cova (San Xoán do Ermo), mosteiro do século IX desaparecido nunha enchente do río Ulla no ano 1571.
O director da investigación, o arqueólogo David Fdez. Abella, expuxo como na primeira parte do proxecto se realizou durante dez días unha prospección arqueolóxica intensiva, terrestre e subacuática, no río, na zona do paso de San Xoán da Cova, na que se localizaron restos de interese.
Con máis de 300 restos detectados, descubriuse estrutura e materiais cerámicos de cronoloxía medieval, así como muros somerxidos que poderían pertencer ao devandito mosteiro. Localizáronse tamén outros elementos de interese, incluíndo unha cova natural con material prehistórico, probablemente da Idade do Bronce.
O seguinte paso será a realización de varias sondaxes arqueolóxicas valorativas que poidan aportar máis datos acerca dos achádegos efectuados, e que se pretenden executar antes de final de ano.
O proxecto, realizado pola empresa Cado Arqueoloxía, conta co respaldo científico do profesor de Historia Medieval José Miguel Andrade, da profesora de Arqueoloxía Pilar Prieto (USC) e do cronista oficial de Vedra, o investigador Enrique Neira.