2 mayo, 2024
Ames acolle os días 3 e 4 de maio as III Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo e están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores.
Estas contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias, dous talleres prácticos e un foro, os cales versarán sobre temas diversos como a relación dos adolescentes coas pantallas, o benestar emocional nas aulas ou a prevención da violencia no ámbito escolar.
O programa dará comezo o venres día 3, arredor das 16:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada terá lugar o primeiro obradoiro, “Estímame, estímome, estímote”, sobre como acompañar o benestar emocional e a saúde mental nas aulas e impartido polo equipo do Instituto da Infancia e Adolescencia de Barcelona.
Tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, ás 19:00 horas desenvolverase o segundo obradoiro, “Pantallas, móbiles e adolescencias”, impartido por José Ramón Ubieto, psicólogo clínico membro da Asociación Mundial de Psicanálise e colaborador docente da Universitat Oberta de Catalunya, a Universidade de Barcelona e a Universitat Ramón Llul.
Xa o sábado 4, as actividades terán lugar en horario de mañá, a partir das 9:30 horas. A primeira delas será a conferencia “Construíndo contornas escolares seguras: estratexias para previr e abordar a violencia”, impartida po Mario Izcovich, psicólogo e psicanalista membro da Asociación Mundial de Psicanálise, mentres que a segunda conferencia, baixo o título “Adolescencias: do frenesí á vertixe. Como acompañar?”, que contará de novo coa presenza do psicólogo clínico José Ramón Ubieto.
Despois dunha breve pausa, a terceira edición destas Xornadas de Saúde Mental pecharase coa representación teatral “¿Y si te pasara a ti?», a cargo da compañía PSIARE, unha formación que nace da unión da psicoloxía, a arte e a educación para o desenvolvemento persoal e social.
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com . As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.