1 octubre, 2024
O Concello do Pino celebrou esta fin de semana as Xornadas de Corresponsabilidade en Familia, unha iniciativa financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdad a través do Plan Corresponsables. Estas xornadas tiveron como obxectivo principal fomentar a igualdade de xénero e promover a repartición equitativa das tarefas domésticas e dos tempos de coidado no fogar, nunha contorna lúdica e familiar.
O sábado, un total de 56 persoas participaron na xincana corresponsable, formada por 14 grupos integrados por 4 ou 5 persoas. Nesta actividade, os grupos tiveron que colaborar en diferentes probas, poñendo en práctica o traballo en equipo e a corresponsabilidade. A xornada continuou cunha tarde de diversión coa actuación musical e o parque de inchables, que foron un éxito entre as familias asistentes.
O domingo, arredor de 60 persoas gozaron das actividades lúdicas, que incluíron un doce almorzo con chocolate e churros, creando un espazo de encontro para compartir en familia. Máis tarde, 16 participantes uníronse á saída micolóxica, na que descubriron as variedades de setas da zona, fomentando o contacto coa natureza e o respecto polo medio ambiente. A actividade rematou coa degustación dos produtos recollidos, nun ambiente de convivencia familiar.
Estas xornadas destacaron polo seu enfoque interxeracional, ofrecendo un espazo onde as familias do Pino puideron reflexionar e practicar a corresponsabilidade nun contexto lúdico pero tamén educativo.
GALERÍA: