29 agosto, 2024
O Concello de Arzúa dá un paso importante para achegar a xestión municipal ás súas parroquias, especialmente ás máis afastadas do núcleo urbano, co inicio do proceso de elección de alcaldesas e alcaldes pedáneos. Esta iniciativa ten como obxectivo reforzar a comunicación directa entre a veciñanza e o Concello, promovendo a participaciónl e creando novas canles de comunicación entre a alcaldía e a veciñanza.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia deste proceso, afirmando: «O noso compromiso é que todos os veciños e veciñas, independentemente da parroquia onde vivan, poidan trasladar as súas necesidades de forma directa. Coa elección das alcaldesas e alcaldes pedáneos, estamos a dar un paso importante para reforzar a colaboración entre o Concello e a veciñanza, facilitando decisións máis próximas, participativas e transparentes. Recoñecemos que, no pasado, a comunicación con certas parroquias puido mellorarse, e este proceso busca precisamente achegar o Concello a esas zonas, que na súa maior parte son núcleos rurais, para responder mellor ás súas necesidades.»
Resumo do proceso:
Candidaturas: Todos os veciños e veciñas maiores de idade, empadroados na súa parroquia, poden presentarse como candidatos/as a alcalde ou alcaldesa pedáneo/a. O prazo para presentar candidaturas é de 10 días naturais, contados desde hoxe, 28 de agosto.
Proceso de Elección: Se nunha parroquia hai máis dun candidato/a, organizarase unha votación entre os veciños empadroados. Esta votación poderá facerse con urna ou a man alzada, dependendo do que decida a alcaldía, tendo en conta as particularidades de cada parroquia.
Nomeamento: Se só se presenta un candidato/a, será nomeado/a directamente sen necesidade de votar. Se non se presenta ninguén, a alcaldía terá a potestade de nomear a alguén. Unha vez realizadas as votacións, a alcaldía nomeará ao gañador ou gañadora como alcalde ou alcaldesa pedáneo/a.
Funcións e Dereitos: As alcaldesas e alcaldes pedáneos non recibirán un salario, pero poderán ser compensados/as polos gastos que teñan durante o desempeño do seu labor.
Duración do Cargo: As alcaldesas e alcaldes pedáneos estarán no cargo durante o tempo que dure o mandato da alcaldía que os nomeou, podendo ser relevados/as en calquera momento se a alcaldía o considera necesario.