10 agosto, 2024
O Concello de Ames continúa o seu investimento a prol da vertebración e cohesión do territorio do municipio. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira, no núcleo urbano de Bertamiráns. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 118.799,62 euros (IVE incluído) e forma parte do POS+ 2024 da Deputación da Coruña.
Esta actuación súmase á xa executada no Milladoiro nas rúas do Muíño Vello, Agro do Medio, do Rego e de Abaixo, así como ás que se van acometer nas rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira. Neste sentido se pronunciaron o alcalde, Blas García, o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto, que destacaron o “gran esforzo que se está a realizar dende o Concello de Ames para mellorar os núcleos urbanos do municipio”.
Pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira
As actuación que se recollen no presente proxecto teñen por obxecto a mellora do pavimento nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira, no núcleo urbano de Bertamiráns, co obxectivo de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán.
Con este fin executarase unha nova capa de rodaxe a toda a superficie das rúas con 5 cm. De mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf B 50/70, previo fresado.
Así mesmo, na rúa da Fiera tamén se acondicionará unha nova superficie de 185 m2 mediante 15 cm. de zahorra, 15 cm. de grava con tratamento asfáltico semiprofundo e 5 cm. de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf B 50/70 como capa de rodaxe.
As actuacións complétanse coa correspondente sinalización horizontal.