12 agosto, 2024
A concelleira de Cultura, Antía Alberte, xunto co director do grupo de Teatro Municipal, Óscar Romero, presentaron o pasado venres a apertura para hoxe día 12 o prazo de renovación de matrícula para a Escola Municipal de Teatro na categoría infantil co interese de continuar o vindeiro curso 2024 -2025 con esta actividade, e ademais incorpórase a categoría xuvenil para tentar formar un grupo teatral desta idade e acoller así tamén aos nenos e nenas do grupo infantil que van medrando e queren continuar con esta formación en arte dramática.
A Escola Municipal de Teatro na categoría infantil está dirixida a nenas e nenos de 7 a 12 anos de idade (cumpridos ao inicio da actividade) e a categoría xuvenil vai dirixida a mozos e mozas de 13 a 17 anos.
Para este curso ofértanse un total de 40 prazas, 20 para cada unha das categorías (infantil e xuvenil) e terán preferencia na matriculación aqueles participantes que xa estiveran matriculados no curso pasado. Polo tanto haberá dous prazos para a presentación de solicitudes: por un lado do 12 ao 23 de agosto para a renovación de praza daqueles alumnos e alumnas do grupo infantil que queiran continuar con estas clases; e unha vez rematado este primeiro prazo preferente de renovacións, abriremos o prazo para a nova inscrición tanto para as vacantes que poidan quedar para o grupo infantil como para formar un grupo xuvenil. Este prazo de nova inscrición será do 26 de agosto ao 5 de setembro. Ademais establécese un mínimo de 10 participantes/grupo para poder organizalos.
As clases, en ambas categorías, comezarán na segunda quincena de setembro e rematarán na primeira semana de xuño de 2025 coa posta en escena dun espectáculo teatral por parte do alumnado participante. Os ensaios serán no Auditorio Municipal, un día a semana co seguinte horario: os martes de 19:00 a 20:30 horas para o grupo xuvenil e os xoves de 18:30 a 20:00 para o grupo infantil.
“Esta actividade teatral persegue, entre outros obxectivos, fomentar e potenciar a creatividade, favorecer a convivencia, a socialización e tamén estimular o interese pola nosa lingua e cultura, sendo unha oportunidade idónea para espertar nos máis cativos e a mocidade as súas aptitudes artísticas, creativas e sociais conseguindo coa educación teatral temperá maior capacidade de comunicación” concluíu a concelleira de Cultura.
A inscrición e información xa está colgada no taboleiro de anuncios na web do concello