4 julio, 2024
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro. No pasado mes de xuño rematou o curso 2023-2024 e abriu o prazo para a renovación de praza na Escola Municipal de Teatro de Ames. Dito prazo estivo dirixido ás persoas inscritas en dito curso. Agora, do 5 ao 15 de xullo abre un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. Para formar grupo será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas. Premendo nesta ligazón podes consultar o programa pedagóxico da Escola Municipal de Teatro de Ames.
As prazas dos grupos que aínda non estean completos adxudicaranse por orde de entrada do impreso de inscrición no Rexistro. Os prezos públicos son de 40 euros para menores de 18 anos e 50 euros para as persoas maiores de 18 anos. O segundo membro menor de 18 anos dunha unidade de convivencia aboará 20 euros e o terceiro e restantes membros menores de 18 anos pagarán 10 euros. En casos excepcionais, por resolución do órgano competente e previo informe dos Servizos Sociais, poderase acordar a exención total/parcial das tarifas.
Prazas dispoñibles:
> Bertamiráns:
-Teatro infantil e xogo dramático (6º de infantil, 1º e 2º de primaria). Martes de 17:00 a 18:00 horas: 8 prazas.
-Teatro infantil e xogo dramático (3º, 4º, 5º e 6º de primaria). Martes de 18:00 a 19:00 horas: 3 prazas.
-Teatro infantil e xogo dramático (educación secundaria). Martes de 19:00 a 20:00 horas: 3 prazas.
> O Milladoiro:
-Teatro infantil e xogo dramático (6º de infantil, 1º e 2º de primaria). Mércores de 17:00 a 18:00 horas: 10 prazas.
-Teatro infantil e xogo dramático (3º, 4º, 5º e 6º de primaria). Mércores de 18:00 a 19:00 horas: 4 prazas.
-Teatro infantil e xogo dramático (educación secundaria). Mércores de 19:00 a 20:00 horas: 7 prazas.
-Grupo municipal de teatro (persoas maiores de 18 anos). Mércores de 20:30 a 22:30 horas: 1 praza.
Inscricións e pagamento
Para inscribirse na Escola Municipal de Teatro de Ames hai que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se pode presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro.
Despois da comprobación por parte do departamento de Cultura da existencia de praza vacante, enviarase á persoa interesada a confirmación de praza e a folla de autoliquidación para que proceda a facer efectivo o pagamento.
No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar o documento de pago e aboar o importe a través do enlace da Oficina Virtual Tributaria. Excepcionalmente poderase solicitar o impreso de pagamento de xeito presencial na oficina de Recadación do Milladoiro, na rúa da Viorneira, número 6; ou na oficina de Recadación de Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6. Tamén se pode solicitar en horario de tarde os luns e mércores, de 16:15h a 18:30 horas. No caso de non recibilo poden solicitalo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 896.
As solicitudes que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de agarda por se houbese algunha baixa ao longo do curso. As clases comezarán o 17 de setembro en Bertamiráns e o 18 de setembro no Milladoiro e rematarán a última semana de xuño de 2025.