21 junio, 2024
Hoxe, 21 de xuño, abre o prazo de inscrición para o concerto “Rockeando coas máis molonas de Pakolas”, do músico e compositor Paco Cedeira, “Pakolas”. Nel os asistentes desfrutarán dunha atcuación musical chea de humor na que aprender, cantar e gozar a ritmo roqueiro coas pezas máis molonas dos tres discos de Pakolas.
Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, o venres 28 de xuño, ás 18:00 horas. Está dirixido a público familiar. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 27 de xuño. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.