Tal e como subliñou María Martínez, trátase de transformar o treito urbano da estrada autonómica AC-305 que discorre por Palmeira nunha rúa, “adaptándoo aos diferentes contextos que atravesa, integrándoo e recuperando o seu carácter humano”.
A conselleira lembrou que se trata do proxecto redactado a partir dunha proposta deseñada polo fundación RIA, que despois o departamento que dirixe desenvolveu a nivel construtivo, para adaptar o espazo público da estrada AC-305, que discorre polo núcleo urbano de Palmeira, e que ten unha lonxitude de algo mais dun quilómetro.
M. Martínez Allegue indicou que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 24 de setembro. As obras contan cun prazo de execución de 15 meses.
Precisou que o proxecto que se licita hoxe, e que se acometerá no treito da AC-305 situado entre os puntos quilométricos 35+400 e 36+500, contempla novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e nova iluminación.
“Un espazo mais humano e mais seguro para os peóns” en concreto, segundo indicou a conselleira, as actuacións proxectadas permitirán reducir a velocidade máxima permitida a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril.
David Chipperfield apuntou como na intervención se priorizará a mobilidade peonil e se reforzarán as conexións transversais. Tamén haberá un xardín con céspede e flores que permitirá os percorridos transversais.
Ademais, indicou, mellorarase a accesibilidade das vivendas lindeiras, na medida do posible, con pasos e novas beirarrúas.
Vicente Mariño aludiu á colaboración do equipo de Goberno nesta intervención e á incorporación de calquera mellora que redunde nunha mellor calidade de vida para a veciñanza de Palmeira. E engadiu “dende o Concello estaremos pendentes ante calquera suxestión dos veciños/as e se lle trasladaran á consellería”.
Mariño puxo en valor a incorporación de zonas verdes neste proxecto; acción que se botou de menos na anterior intervención no porto.