7 septiembre, 2024
A enquisa celebrada na última semana entre a veciñanza de Silleda sobre as datas dos dous festivos locais a partir do ano 2025 remataba onte co reconto das opinións emitidas.
As dúas opcións resultantes as máis votadas foron o venres das Festas de Silleda-Festa do Lacón, con 715 votos, e o luns da Festa da Empanada, con 453.
En terceiro lugar as persoas participantes na enquisa apostaron polo luns de Entroido, con 373 votos, seguido da Festa da Saleta, con 306. Tamén se emitiron votos polo luns das festas de verán de Silleda (230 ) e polo venres da Empanada (132). A patrona de Silleda, santa Eulalia recibiu 17 votos, e o martes de Entroido 28, e o San Xoán 16.
O resto dos votos foron moi repartidos por outras datas festivas. Tamén se atoparon papeletas (un total de 25) que foron consideradas nulas por non cumprir cos requisitos do proceso ao non estar clara a data seleccionada ou non corresponder a unha celebración festiva.
Estas papeletas en ningún caso alterarían o resultado final do proceso, se ben o vindeiro martes a Secretaria da Corporación fará as comprobacións de todas e cada unha delas.
As urnas, con todas as papeletas emitidas e a documentación do reconto están así mesmo a disposición de calquera persoa que desexe consultala, na liña de tranparencia e exemplaridade que se seguiu neste proceso.
En total participaron neste proceso 1.267 persoas, das que 776 votaron na urna ubicada no Concello e outras 491 na que se instalou no Centro Cultural Vista Alegre. A estes centros achegáronse tanto veciños e veciños dos dous cascos urbáns como de numerosas parroquias.
A proposta resultante co Lacón e a Empanada como as dúas opcións máis votadas será elevada ao próximo pleno ordinario, a finais deste mes.
O reconto, que foi seguido no salón de actos do Concello por un bo número de veciños e veciñas e membros de distintas asociacións e grupos políticos, foi coordinado exclusivamente pola Secretaria da Corporación e os dous funcionarios municipais, que se encargaron durante todos estes días do proceso, e aos que dende o goberno municipal se lles agradece a súa labor nestas tarefas.
Dende o goberno municipal, como xa se avanzara o pasado ano, optouse por realizar esta iniciativa de participación cidadá á vista da existencia de moi diversas sensibilidades sobre a celebración dos festivos locais.
O executivo local agradece así mesmo a toda a veciñanza a súa participación nun proceso que se abriu para elixir democraticamente as datas festivas locais, que cada municipio debe fixar dende o ano 1983.
Así mesmo, tamén se extenden as felicitacións e agradecementos aos colectivos que durante o proceso fixeron a súa campaña, axudando a que a participación aumentara neste proceso.