17 septiembre, 2024
Unha divertida festa da escuma pechou a terceira edición da Festa da Familia Papaventos, organizada polo Concello do Pino. A área recreativa da Madalena, en Castrofeito, encheuse ao longo do día de pequenos e maiores que desfrutaron en familia de xogos, de obradoiros e de espectáculos.
A festa da escuma foi unha das propostas máis celebradas do día, poñéndolle a guinda a unha xornada chea de convivencia e diversión, que tivo na festa holi outro dos momentos máis vistosos e divertidos, somerxendo en numerosas cores á cativada asistente.
A III Festa da Familia Papaventos comezou ao mediodía na carballeira da Madalena coa apertura dun espazo lúdico no que veciñanza de todas as idades puido demostrar as súas habilidades participando en competicións tan populares e tradicionais como unha carreira de sacos ou o tiro de boina. Sumouse ao entretemento un concurso de tute e unha ampla oferta de obradoiros nos que as familias amosaron toda a súa creatividade elaborando broches de fieltro, cadros de papaventos, tatuaxes ou tarxetas.
Propostas de artes escénicas e teatro completaron a xornada de celebración. Levantou o pano a compañía Inventi Teatro coa obra As palabras perdidas, coa que animou aos presentes a empregar o galego. Xa pola tarde, foi Bandullo Azul quen presentou Fazulas e o ladrón de paraugas e, a continuación, as acrobacias e os malabares de Circo Expreso 2 sorprenderon ás familias presentes co espectáculo Desastronauts.
O bo tempo e a instalación dunha polbeira contribuíu ao éxito da festa e permitiu que na carballeira da Madalena se vivise unha auténtica romaría durante toda a xornada.