10 agosto, 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración do novo club social do Club Náutico de Boiro. Durante o evento, destacou o «crecente potencial» da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, tamén coñecida como ruta Traslatio, que agora se ve reforzada con estes novos servizos en Boiro grazas ao apoio de Turismo de Galicia.
Merelles subliñou que o Goberno autonómico é consciente das posibilidades de futuro deste itinerario xacobeo e que está a realizar unha aposta pola súa promoción e posta en valor. Mencionou neste sentido os 1,3 millóns de euros que Turismo de Galicia destina este ano con fondos Next Generation para mellorar 11 infraestruturas náuticas da Ruta Traslatio, modernizando as súas instalacións e servizos. A isto súmanse outros 1,5 millóns de euros destinados ao resto de clubs náuticos de Galicia.
No acto, Xosé Merelles tamén participou na entrega de premios da XXVIII Regata Cruceiro Cenor, onde destacou a importancia turística deste tipo de iniciativas deportivas. Resaltou que estas actividades son capaces de «dinamizar a economía local, os hoteis e restaurantes, demostrando as sinerxías entre deporte e turismo».