25 noviembre, 2025
O Concello de Frades volveu colocar a infancia e a mocidade no centro das súas iniciativas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A primeira hora da mañá, o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, visitou o CPI Ponte Carreira para facer entrega do material conmemorativo desta xornada e participar co alumnado na campaña “Pasos firmes, pasos seguros”, impulsada pola Mancomunidade de Ordes en colaboración co Concello de Frades, Cruz Vermella, Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A actividade consistiu en que cada estudante levou da casa un par de zapatos vellos, que despois pintaron de vermello nas instalacións do centro. Con eles, elaborouse unha instalación simbólica baixo o lema “Non + zapatos vermellos”, na que se representaron tantos pares como mulleres asasinadas por violencia de xénero ao longo de 2025. Cada par foi exposto acompañado dunha cartolina co nome, idade e lugar do crime, lembrando así de maneira visual e contundente a dimensión social desta lacra.
Tras a actividade escolar, a comitiva desprazouse á casa consistorial, onde tivo lugar a tradicional lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero. A intervención estivo a cargo da concelleira de Benestar, Muller e Igualdade, Ánxeles Álvarez Carro, que apelou á necesidade de reforzar a educación en igualdade e de manter unha resposta firme e colectiva fronte a calquera forma de violencia machista.
A programación municipal do 25N continuará este sábado, 29 de novembro, ás 16:30 horas, co espectáculo familiar “Travesía Unicornio”, da compañía Teatro dos Ghazafelhos, que se celebrará no multiúsos de Frades. As inscricións permanecen abertas ata o 28 de novembro no propio Concello (981 695 567).