2 julio, 2024
A Pobra do Caramiñal despdiu os seus cursos de arte floral e de macramé promovidos pola Concellaría da Participación Veciñal coa finalidade de contribuír a «revitaliza-lo rural, crear comunidade e potencia-la creatividade».
Durante as pasadas semanas, profesionais das florarías ensinaron a elaborar arranxos florais, adornos para estancias, grilandas ou complementos para eventos festivos, entre outros. As clases impartíronse no centro sociocultural do Campiño, no mes de maio, e no da Ribeiriña, no de xuño.
Tamén tivo continuidade o programa Feito coas túas mans coas leccións sobre macramé a cargo de Noites de Datura, no Camiño Ancho. Esta serie de obradoiros artesáns continuarán unha vez finalizado o verán con cerámica, da man de Raposiñas, no muíño da Ponte Barbanza (setembro); madeira, con SonAgasallo, en Santo Isidro (outubro); e xabóns, grazas a Flow de Meiga, na Angustia (novembro). As prazas xa están cubertas na súa totalidade dende a presentación destes obradoiros no mes de abril, que se iniciaron con cestería, baixo a dirección de La Parabólica, no Campiño, e Capixuta, na Ribeiriña.
Neste senso, outras medidas impulsadas pola Administración local na liña de acada-los obxectivos mencionados son a creación dun xardín veciñal e o exercicio terapéutico baseado no tai-chi.