27 junio, 2024
Mar e terra: a Concellaría do Turismo convida non só a visitar e festexar na localidade durante o verán, senón tamén a experimentar tódolos recursos naturais e patrimoniais que esta ofrece baixo o slogan A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia… e que se encargaron de debulla-la concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, e as técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío.
“Quen visite A Pobra durante o verán poderá gozar de tódolos recursos cos cales contamos. Temos paisaxe, patrimonio, cultura… E, na liña estratéxica que segue a Concellaría do Turismo, queremos potenciar esta riqueza con accións diferenciadoras cunha forte compoñente marítima, pero tamén coa vista posta na serra. Por iso deseñamos unha ampla e heteroxénea axenda con alternativas de lecer que lle acheguen un valor engadido á estadía na localidade, pero que tamén lle permita á nosa veciñanza redescubri-lo seu municipio. Presentamos un programa que convida a experimentar todo canto temos para ofrecer, con propostas xa consolidadas no tempo e con moi boa aceptación, pero outorgándolle unha nova dimensión coa incorporación de buses lanzadeira a dous dos principais reclamos paisaxísticos”, salienta a edil.
Este servizo con dirección ao miradoiro da Curotiña habilitarase no 23 de xullo e nos días 6, 13 e 20 de agosto; e porá en marcha ao río das Pedras (na contorna da Aldea Vella) no 8 e no 22 de agosto. Partirá dende as inmediacións do parque do Castelo ás 10.30, 11.30 e 16.30 horas. O custo é de 2’50 euros por persoa e viaxe.
Coa vista posta nas piscinas naturais, apóstase novamente polas rutas guiadas por esta paraxe de gran riqueza e singularidade. As excursións efectuaranse no 26 de xullo e nos días 9 e 23 de agosto, ás 10.00 horas. Ten unha duración de 3 horas, que se traducen en aproximadamente 2 quilómetros a pé. A dificultade é media-alta, polo cal está recomendada para maiores de 12 anos. O importe por aboar é de 15 euros por persoa e inclúe o traslado nun microbús para observa-la panorámica dende o miradoiro de Valle-Inclán.
Poténciase, ademais, o turismo náutico, porque ás saídas en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas súmanse dúas accións con moi boa acollida: o turismo mariñeiro e as viaxes en veleiro.
Coñece-los recursos marisqueiros presentes no litoral, os aparellos que se empregan para a súa extracción e pórse na pel dos/as profesionais do marisqueo de a pé: todo isto vivirán as persoas participantes nestas sesións que se desenvolverán na praia dos Areos. As datas elixidas son os días 12, 19 e 24 de xullo, así como os días 2, 8, 16 e 30 de agosto, sempre no horario da mañá. O prezo establécese nos 12 euros por persoa adulta e nos 6 euros para menores de 10 anos.
O veleiro Mascato tamén volverá navega-las augas da ría da Arousa para brinda-la posibilidade de aprecia-la paisaxe e o patrimonio costeiro dende outra perspectiva. Estas pequenas singraduras terán lugar nos meses de xullo (sábados e domingos a partir do día 13) e agosto (sábados e domingos ata o día 18). O traxecto ten unha duración de hora e media con saídas en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas. A contía por pagar é de 15 euros por persoa adulta, mentres que baixa aos 10 euros para menores de 12 anos.
Máis información e inscricións na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira; no enderezo electrónico turismo@apobra.gal; ou nos teléfonos de contacto 981843280 (marcando a extensión 2035), 671090262 e 687482835.