17 agosto, 2024
Verdade, xustiza e reparación; unha tripla reivindicación arredor da que se vertebrou o acto polo Día da Galiza Mártir 2024 na Pobra do Caramiñal. A celebración desta xornada conmemorativa partiu da Irmandade Galega da Arxentina, presidida por Castelao, en agosto de 1942. Escolleuse a Alexandre Bóveda como un dos símbolos que personifican tódalas persoas represaliadas polo franquismo, pois o propio intelectual galeguista foi fusilado no 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira, en Poio.
A carón da escultura pola memoria histórica situada nos Xardíns de Valle-Inclán, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, manifestou que neste ano era unha homenaxe e lembranza especial ás persoas represaliadas ou exiliadas da Pobra do Caramiñal. Un dos nomes que se rememoraron foi o de Manuel Hermo Vidal, tenente do alcalde en 1936, que que era rexedor interino no momento do golpe de Estado franquista e foi torturado polos falanxistas para despois, o 7 de xaneiro de 1937, ser detido xunto con Manuel Pérez Becerra, un sindicalista da CNT e político tamén da Pobra. No 13 de xaneiro, foi traslado á cadea de Santiago de Compostela e xulgado por rebelión no 20 de marzo e condenado á pena de morte. Foi fusilado en Boisaca, no 16 de abril de 1937.
A edil tampouco se quixo esquecer das aproximadamente 1.000 persoas que estiveron presas no campo de concentración do lugar do Pozo e lanzou, ademais, palabras de agradecemento a José Fernando Fernández Vázquez, coñecido como comandante Soutomaior, vinculado á política naqueles tempos e quen loitou contra a ditadura franquista.
Os actos de recoñecemento e da exixencia da verdade, xustiza e reparación continuarán no 24 de agosto, ás 12.30 horas, nas inmediacións do dito monumento cunha homenaxe a tódolos soldados españois (algúns deles da Pobra) que axudaron na liberación de París dos nazis na II Guerra Mundial, no 24 e 25 de agosto de 1944.