27 junio, 2024
A exposición achega á cidadanía as políticas da Unión Europea para conseguir a neutralidade climática nas vindeiras décadas. A vila tamén acolle unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa, con motivo da súa inauguración, este venres 28 de xuño ás 20:00 horas no Parque do Coto.
Esta mostra sobre as políticas verdes da Comisión Europea poderá visitarse durante dúas semanas, ata o 12 de xullo, no Parque do Coto, na capital do Val de Barcala.
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. Como se explica de maneira accesible nos paneis, o obxectivo inicial é reducir as emisións nun 55% ata 2023 como primeiro paso para acadar a neutralidade climática no ano 2050.
A mostra está acompañada dunha actuación artística que introducirá ao público na temática medioambiental a través de malabares, acrobacias e equilibrios. A cita é o venres 28 de xuño ás 20 horas na pista polideportiva do Parque do Coto.
Despois da parada en Negreira, esta expo itinerante, que xa pasou por Carral, visitará os concellos de Rianxo e Lousame.
Experiencia interactiva
A mostra busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil. A primeira delas é Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.
Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/escaperoom/
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.
Hai tamén máis información dispoñible na seguinte web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/exposicion-itinerante-pacto-verde-europeo/