4 junio, 2025
Despois do éxito da pasada semana co espectáculo “Contos nas orellas”, a campaña “En galego… ata o infinito e máis alá!”, impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa, continúa este venres 6 de xuño cunha nova actividade dirixida ao público familiar.
Ás 18:00 horas, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro acollerá o contacontos ilustrado “Cantareiras, poesía popular nas letras galegas 2025”, da man de Polo Correo do Vento. A proposta combina narración oral e ilustración en directo co obxectivo de achegar á infancia o valor da poesía oral e das pandeireteiras como transmisoras da lingua e da cultura galegas.
A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, destacou que “con este programa estamos a facer da biblioteca un espazo de lecer no que as familias e as crianzas se achegan ao galego dun xeito natural e divertido”. E engadiu que “a perda de falantes da nosa lingua propia entre a xente nova confirma que é fundamental que o galego estea presente en todos os ámbitos da vida, especialmente nas primeiras etapas”.
A campaña “En galego… ata o infinito e máis alá!”, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, está a consolidarse como un punto de encontro semanal arredor da lingua, onde o galego se vive con normalidade e se lle amosa ás máis pequenas e pequenos todo o seu potencial creativo desde os primeiros anos de vida.
Desde o Concello de Arzúa anímase á veciñanza a participar nesta nova cita que mestura tradición oral, ilustración e música, reivindicando a forza da cultura popular como camiño para fortalecer o uso do galego entre as novas xeracións.
No mes de xuño de 1982 o Parlamento de Galicia trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989. Na foto, unha sesión no Parlamento. Fotos: AG e PG