7 octubre, 2025
O Concello de Porto do Son presenta a segunda edición da Mostra de Teatro, unha iniciativa cultural que encherá a Casa da Cultura de propostas escénicas entre os meses de outubro e novembro. En total serán sete representacións, dirixidas a públicos de diferentes idades, que se celebrarán ás 21:00 horas.
A programación arrincará o 18 de outubro coa obra “Vicio houbo sempre”, unha proposta de narración oral para público adulto a cargo de Atenea García, que recupera testemuños de mulleres maiores de 80 anos sobre o desexo, o pracer e a sexualidade, nun relato honesto sobre o amor e a vida.
O 25 de outubro será a quenda de “Golpes”, da compañía aAntena, que aborda a historia de Pamela, unha moza que revisa as feridas e aprendizaxes dunha relación que non debía vivir.
Xa no mes de novembro, o día 1, o público poderá gozar con “Cabaré Climático”, de Gallaecia Eventos, unha proposta chea de humor, música e reflexión sobre o medio ambiente.
O 8 de novembro será o momento de rir en familia con “Máis saaabor!”, de Culturaactiva, unha comedia sobre gastronomía e alimentación saudable que combina maxia, música en directo e participación do público.
A seguinte cita, o 15 de novembro, traerá á escena “Un Deus Salvaxe”, de Talía Teatro, unha divertida e á vez incisiva historia sobre dous matrimonios que intentan resolver un conflito entre os seus fillos pequenos, nunha sátira sobre a hipocrisía e as relacións sociais.
O 22 de novembro será a vez do grupo local Mimarte, que representará “Nais en apuros”, unha creación “feita na casa” polo teatro musical de Porto do Son, e que promete emoción e humor a partes iguais.
Finalmente, o 29 de novembro, a compañía Malasombra porá o broche á Mostra con “D.E.P”, unha comedia que amosa, con moita retranca, os egoísmos e mentiras entre irmáns ante o reparto dunha herdanza.
As obras “Vicio houbo sempre”, “Golpes” e “Nais en apuros” serán de acceso libre e gratuíto. As restantes poderán verse por un prezo de 4 euros, con entradas dispoñibles a partir do 14 de outubro na Oficina de Cultura, de luns a venres entre as 8:00 e as 15:00 horas, ou o mesmo día da función. O pagamento realizarase exclusivamente con tarxeta bancaria.