10 julio, 2025
A Fundación para a Orientación Profesional de Galiza (forGA) pon en marcha en Ames unha iniciativa formativa para facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas. Para iso, organiza cinco cursos gratuítos que comezarán en setembro e están dirixidos a un total de 75 persoas, cun máximo de 15 prazas por cada curso.
Estas accións formativas, totalmente subvencionadas, teñen como obxectivo dotar ás alumnas e alumnos das competencias necesarias para acceder de forma inmediata a postos de traballo en distintas especialidades. Os cursos dispoñibles son: Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; Confección e publicación de páxinas web; Actividades administrativas na relación co cliente; Habilitación para a docencia en graos A, B e C do sistema de Formación Profesional; e Grabación e tratamento de datos e documentos.
Ademais da formación teórica, todas as accións inclúen prácticas en empresas e formación en prevención de riscos laborais, asegurando unha preparación integral para o mercado laboral. O único requisito para inscribirse é estar rexistrado como demandante de emprego, e as solicitudes realízanse a través da web oficial forga.gal.
Beni Costas, responsable da sede de forGA en Ames, destaca que se trata de cursos con “unha orientación moi práctica e adaptados ao tecido empresarial local”, o que facilita que as persoas participantes “rematen coa capacitación profesional necesaria para optar a un posto de traballo”.
O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos está ubicado no Antigo Edificio das Cabalerizas, reformado e acondicionado polo Concello de Cervo, con fondos procedentes da Xunta de Galicia, para a creación dun centro de artesanía e de actividades singulares adaptadas á contorna. Fotos: Concello de Cervo