10 noviembre, 2025
A Fundación para a Orientación Profesional de Galiza (ForGa) vén de anunciar a posta en marcha de catro cursos gratuítos na súa sede do Milladoiro (Ames), dirixidos principalmente a persoas desempregadas e orientados a profesións cunha elevada demanda no mercado laboral.
A oferta formativa inclúe as especialidades de Organización e xestión de almacéns, Confección de páxinas web, Habilitación para a docencia en grados A, B e C do sistema de Formación Profesional e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. A realización destes cursos permite ao alumnado obter a certificación oficial necesaria para traballar como técnico ou técnica en xestión de stocks e almacéns —un perfil moi solicitado polas empresas da contorna— ou como deseñador/a de páxinas web, profesión cunha crecente saída laboral.
Tamén se ofrece formación habilitante para traballar no tratamento de datos e arquivos empresariais, así como para exercer a docencia en formación non regrada e programas de formación para o emprego.
A inscrición xa está aberta a través da páxina web www.forga.gal, e as prazas son limitadas a 15 alumnado por curso. As persoas interesadas poden solicitar máis información chamando ao 981 93 94 34.
Os cursos están 100% subvencionados, inclúen prácticas en empresas e contan con formación en prevención de riscos laborais, garantindo unha preparación axeitada para a incorporación inmediata ao mercado profesional. Terán preferencia na selección as persoas en situación de desemprego.