17 agosto, 2024
Catro xornadas nas que non faltará a música, os San Juerguines e, por suposto, a presenza dos xigantes de cabezudos polas rúas da Pobra do Caramiñal. O Carme dos Pincheiros anima a localidade do 16 ao 19 de agosto cun cartel que introduce novidades respecto doutros anos, pero sen renunciar á tradición.
Francisco Davila Luaces, CEO de Mobalco, asumiu neste ano o pregón que, dende o balcón da casa consistorial, supuxo o inicio deste período festivo. A súa elección, como ben explicou o alcalde, José Carlos Vidal, respondeu á «busca dunha empresa que tivese un forte impacto no seu correspondente nicho de mercado, pero que non renunciase ás súas orixes e aí xurdiu o nome de Mobalco, con sede no polígono industrial da Tomada. É importante centrarnos no presente e ir marcando xa a dirección de futuro, pero sen esquece-la esencia. Ademais, a súa filosofía empresarial do ecodeseño e a sostibilidade encaixa co camiño que cremos que deben toma-los negocios para conxuga-la súa actividade económica e o respecto polo medio ambiente. Esta ética debe estar sempre presente na súa misión, visión e valores. O noso tecido empresarial xoga un papel fundamental no dinamismo económico, pero tamén social. E, precisamente, con relación a isto último, quixera agradece-lo traballo da comisión de festas do Carme dos Pincheiros. É certo que neste 2024 optamos por cambia-lo formato organizativo, polo que o Concello pasou a asumir tres días dos festexos, pero, igualmente, as entidades organizadoras son fundamentais. Un exemplo deste significativo rol é que desfrutaremos polo núcleo urbano, como non podía ser doutro xeito, dos característicos personaxes desta celebración: os xigantes e cabezudos. Agardamos que as actividades cumpran as expectativas de todos e todas», manifestou o rexedor.
O pregoeiro quixo comeza-la súa intervención rememorando a súa infancia, cando saía do colexio e, nada máis entrar pola porta do taller de seu pai, xa podía identificar polo olor o tipo de madeira que estaba traballando. «Pódese dicir que o sentido do olfacto é seguramente o único capaz de establecer esa conexión emocional que fai que certos acontecementos queden gravados para sempre», apuntou. Destacou tamén a xenerosidade da natureza, concretamente, das árbores que, segundo as súas particularidades, dende as especies claras do norte do globo terráqueo ás escuras do sur, nos proveen de todo canto precisamos: madeira, alimento… Un discurso moi persoal, no que fixo un repaso pola influencia da ecoloxía na súa traxectoria vital. Lembrou tamén a importancia durante a súa etapa na mili da revista Integral, fundada, entre outros, polo pobrense Joaquín Peleteiro. Aquí tratábanse diversos temas de interese como permacultura, ecoloxía… E tampouco se quixo esquecer da importancia da literatura e de varios autores na concepción da súa visión de vida e negocio. Por todo isto, non é de estrañar que Mobalco teña como eixes fundamentais o ecodeseño e a sostibilidade; unha empresa que naceu a finais do anos 50 como unha pequena carpintería para, en 1978, especializarse nos mobles de cociña, polo que «só fabricamos aquelas cociñas que nós compraríamos.»
Tamén se pronunciou por parte da comisión de festas Andrés Millán, vogal da entidade, quen apuntou que os dous principais ingredientes para sacar adiante uns festexos son gañas e cartos. O primeiro, indicou, non falta, e, para o segundo, contaron coa xenerosidade da cidadanía e do Concello da Pobra do Caramiñal. «Esperamos que estes catro días de festas sexan do agrado de todos» para engadir que «pódovos prometer que o Carme dos Pincheiros vai seguir ano tras ano», enxalzou.
Unha vez finalizado o acto, procedeuse coa sinatura no libro de honra do Concello e fíxoselle entrega dun agasallo institucional consistente nunha dorna de cerámica.
Fillas de Cassandra, Tributo ABBA e Forraje son os tres pratos fortes dun cartel que culminará cun espectáculo piromusical no luns 19, festivo local.