Os responsables da empresa explicaron que Veolia traballa toda a cadea de valor da biomasa, desde a explotación forestal, pasando polo transporte e a loxística, ata a entrega ao clientes
23 octubre, 2025
O presidente da Deputación da Coruña visitou hoxe a planta de biomasa de Veolia en Vilasantar, un exemplo de como o aproveitamento sostible dos recursos forestais pode xerar emprego, dinamizar o rural e contribuír á transición cara a un modelo enerxético máis verde.
Durante a visita, o presidente destacou que instalacións coma esta «demostran que o rural pode ser motor económico e ambiental, transformando os nosos montes nunha fonte de enerxía renovable, ao tempo que se prevén incendios e se impulsa o desenvolvemento e a economía local».
A planta de Veolia leva máis de 25 anos transformando madeira en biomasa sostible, certificada baixo o sistema SURE. Cada ano produce arredor de 28.000 toneladas de estela verde e 8.200 toneladas de estela seca, empregadas como combustible renovable para calefacción en industrias, centros educativos, residencias, concellos e instalacións públicas de toda Galicia.
O presidente subliñou que «a aposta pola biomasa é tamén unha aposta polo territorio, pola economía circular e pola xeración de emprego no interior da provincia». Engadiu que proxectos coma o de Vilasantar «son o mellor exemplo de que o futuro do rural pasa por aproveitar con intelixencia e respecto os seus propios recursos naturais».
Os responsables da empresa explicaron que Veolia traballa toda a cadea de valor da biomasa, desde a explotación forestal, pasando polo transporte e a loxística, ata a entrega ao clientes; e incidiron en que, ademáis de fomentar a economía circular e o coidado e mantemento dos montes e do medio ambiente, xera un beneficio social e laboral en áreas rurais e produce un combustible a prezos moi competitivos para os clientes.