16 octubre, 2025
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este xoves o concello de Boqueixón, onde se reuniu co alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e cos membros da corporación municipal para analizar os investimentos da institución provincial no municipio e estudar novas liñas de colaboración. No marco desta visita institucional, Formoso e Rodeiro asinaron un convenio de colaboración por 30.000 euros destinado ao financiamento da Festa da Filloa de Lestedo, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da contorna organizada pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón.
Na sinatura tamén participaron Juan Manuel Silva, vicepresidente da asociación, e os vogais Juan Manuel Corral e Pascual Villaverde. O presidente da Deputación destacou que a institución colabora cada ano con esta celebración, contribuíndo, entre outros aspectos, á adquisición dunha máquina filloeira con capacidade para producir ata 800 filloas por hora. Pola súa banda, Ovidio Rodeiro resaltou a importancia da axuda, especialmente tras a recente declaración da Festa de Interese Turístico Nacional, e recoñeceu o traballo da asociación e da parroquia de Lestedo na organización do evento, subliñando que o Concello colabora sempre que é posible, pero que a iniciativa e o desenvolvemento da festa dependen do colectivo local.
Durante o encontro, Formoso e Rodeiro tamén analizaron un proxecto para mellorar a seguridade peonil na estrada provincial DP-1201, a única do municipio. A actuación prevista céntrase no PK 2+250, preto da intersección co viario municipal e o campo da festa de O Forte, e propón aproveitar o antigo trazado da estrada actualmente en desuso para convertelo nun paseo peonil, conectando de forma segura o Concello, o centro de saúde e o campo de fútbol. O proxecto será presentado polos servizos municipais para a súa valoración polos técnicos de Vías e Obras da Deputación.
Ademais, o presidente provincial recordou que este ano o concello de Boqueixón recibe 1.215.584 euros do Plan Único (POS+2025), o maior plan de cooperación municipal de Galicia, que alcanza un récord histórico de 138 millóns de euros para os concellos da provincia. Formoso destacou que o Plan Único é unha ferramenta esencial para garantir o equilibrio territorial e apoiar aos concellos máis pequenos. Durante a última década, a Deputación destinou máis de 11,7 millóns de euros a Boqueixón, dos cales 7 millóns procederon do Plan Único, co que se financiaran 52 obras e centos de servizos públicos, desde melloras en estradas e camiños municipais ata proxectos de alumeado público, redes de saneamento, abastecemento de auga e reparación de parques infantís.
Finalmente, Formoso subliñou que os investimentos da Deputación nos 93 concellos coruñeses superan este ano os do Fondo de Cooperación Local da Xunta e reclamou ao Goberno galego que eleve este fondo ata os 200 millóns de euros, co obxectivo de reforzar o financiamento municipal e garantir unha distribución máis equitativa dos recursos.